Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O Museo do Pobo mostra as fotos de Luis Gabú das madrasas africanas

C.?P.

CULTURA

A exposición percorre con visión artística as escolas coránicas e as táboas de madeira como tema central

03 sep 2009 . Actualizado a las 12:58 h.

As táboas de madeira sobre as que escriben os nenos e adultos que acoden ás escolas coránicas é o tema da exposición Madrasas africanas, do fotógrafo coruñés Luis López Gabú, que se inaugura na tarde de hoxe no Museo do Pobo Galego.

A mostra, que vai estar aberta ata o 1 de novembro, reúne 40 fotografías, a maioría en branco e negro, e outras tantas táboas coránicas adquiridas polo artista coruñés nos oito países africanos que percorreu co obxectivo de dar testemuño destes centros de ensinanza e o seu hermetismo, pero dende un punto de vista artístico. As imaxes forman parte dun proxecto que naceu en 1999, pero que se prolongou no tempo con sucesivas e repetidas viaxes, a raíz da descuberta das táboas escolares polo autor dunha maneira casual.

A exposición está comisariada por Mercedes Rozas, que se interesou pola obra cando veu a montaxe que ofreceu o Museo Nacional de Antropoloxía de Madrid do proxecto de Luis López, que rexistrou máis de 17.500 visitantes nos cinco meses que estivo aberta ao público, entre outubro do 2008 e febreiro deste ano. A proposta que se pode ver no Museo do Pobo Galego ten unha lectura artística fronte á máis formal e de estrito carácter antropolóxico da que se montou en Madrid.

O primeiro que verá o visitante que vaia ao Museo do Pobo é unha instalación cunha selección de táboas coránicas de madrasas de Somalia a Guinea Bissau, do Magreb, Mauritania, Malí, Senegal e Etiopía. Na sala contigua hai algunhas táboas máis que complementan as fotografías, unha serie na que a calidade artística prevalece sobre calquera criterio narrativo ou antropolóxico. As táboas son o obxecto central das imaxes, nas que a composición non é casual nin aleatoria. Tàpies é un referente na obra de Gabú, que tamén é pintor. Por iso o fondo destas fotos son paredes ou muros «elixidos como elemento compositivo determinante, que transmite como son eses lugares». Entre as obras está a que gañou o premio Isaac Díaz Pardo, dunha nena de mirada desafiante e, ao tempo, un xesto de timidez.