Terá lugar os días 28 e 29 de novembro, en Palexco e o Kiosco Alfonso.
31 oct 2009 . Actualizado a las 02:31 h.A feira das industrias culturais galegas, Culturgal, vai ter continuidade, aínda que con outro nome: AchegArte. A sede será a mesma, na Coruña, aínda que, tal e como confirmou esta semana no Parlamento galego o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, non contará co apoio da Xunta (o ano pasado destinou 600.000 euros). Outro cambio é que adianta lixeiramente as súas datas e será os días 28 e 29 de novembro, en Palexco e o Kiosco Alfonso.
Despois das primeiras novas de que a Xunta non ía apoiar esta actividade, un colectivo formado na Rede dirixiuse a Concellería de Cultura da Coruña para ver a posibilidade de organizar igual esta cita. «En época de crise recortar en cultura produce miseria», afirmou onte María Xosé Bravo, a concelleira de Cultura, na presentación de AchegArte, na que estarán presentes con posto propio «máis de 60 empresas, asociacións profesionais e institucións que impulsan a creación cultural en Galicia». Tanto Bravo como a poeta Tati Mancebo, en nome do colectivo, salientaron que ata agora «xuntáronse xa 1.500 horas de traballo de persoas dispostas a facer obradoiros, conferencias e ata man de obra».
Para os organizadores, que contan con 50.000 euros de presuposto, o importante é que se manteña esta feira cultural, «o de menos é o nome».