Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Isaac díaz pardo: «De momento o que teño que facer é mirar algo pola miña saúde»

Concha Pino

CULTURA

Ratifícase na súa dimisión como presidente do Instituto Galego da Información e di que lle propoñen formar parte da nova administración «para utilizalo»

13 ene 2010 . Actualizado a las 10:27 h.

Un día despois de que presentara a súa dimisión irrevogable como presidente do Instituto Galego da Información (IGI) e de que, na mesma asemblea de socios á que non asistiu, fose aprobada a súa inclusión na administración colexiada dese centro, Isaac Díaz Pardo ratifícase na súa decisión de quedar á marxe e de non permitir que se utilice o seu nome por parte do sector que controla a maioría das acción do Grupo Sargadelos

-¿Vai aceptar formar parte do grupo de administradores nomeados para o IGI?

-Por suposto que non. Estes que delinquen logo de aproveitarse do que non é deles, queren utilizarme. Non vou sequera perder o tempo en contestarlles, porque xa quedou claro a traveso do meu fillo na reunión do luns que non acepto.

-¿Porque pensa que queren contar con vostede despois da situación que atravesou no IGI nos dous últimos anos?

-Eles o que pretenden é vender o patrimonio do IGI, o edificio situado en San Marcos, ou hipotecalo. E queren o meu nome.

-¿Daquela, a dimisión que presentou non ten volta atrás?

-Por suposto que non.

-Pensa que a Xunta de Galicia vai retomar o proxecto de Fundación que negociaba co goberno bipartito para reunir o material bibliográfico e documental que retirou do instituto?

-Hoxe mesmo (onte pola mañá) falei co conselleiro de Cultura e acordamos, en principio, facer unha cousa semellante, pero máis ampla. Pero primeiro teño que poñer orde en todo ese montón de cousas que se trasladaron de calquera maneira.

-¿Teme pola desaparición do grupo de empresas culturais de Sargadelos e O Castro?

-Temo por todo o que gobernan estes apropiadores do alleo. Non se sabe ben como están as cousas nin como poden acabar as empresas. Engañan aos traballadores, e o único que cabería facer agora sería entregarlle ao xuíz todo para que nomee un interventor. Pero eles non queren, e a proba de que é así é que se opoñen a que se comprobe como está todo.

-¿O Seminario de Sargadelos pode iniciar una nova andadura á marxe do grupo?

-Poden facerse moitas cousas se os colaboradores responden, pero... No Seminario non hai ningunha actividade dende que me apartaron da dirección do grupo, está paralizado e non lle pasan fondos. Ocupábase de actividades culturais, da Experiencia do Verán, de facer deseños e outras iniciativas.

-¿Que vai facer agora?

-De momento o que teño que facer é mirar algo pola miña saúde, porque ando estes días nos médicos.