Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Olveira asegura que «é falso» que no CGAC haxa unha débeda do 2009

Concha Pino

CULTURA

O director do centro na etapa do bipartito explica que cando cesou había 600.000 euros para compra de obras

17 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O que foi director do Centro Galego de Arte Contemporánea no Goberno bipartito da Xunta ata xuño do 2009, Manuel Olveira, saíu ao paso das declaracións realizadas o venres polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o director do CGAC, Von Hafe Pérez, sobre a suposta débeda do CGAC pola adquisicións de obras de arte para a colección do centro. Declarou estar «moi sorprendido» por estas declaracións e, ademais de «desmentir» que trala súa xestión no CGAC «deixara ningunha débeda», fai unha serie de aclaracións sobre as cuestión que teñen que ver co orzamento do CGAC para o 2009 e a súa execución ata que el ocupou o cargo de director, no que cesou en xuño. «É falso que haxa unha débeda pendente do 2009», asegurou con rotundidade.

Olveira explica que obras ás que se refiren (o conselleiro e o director do CGAC) foron seleccionadas seguindo os procedementos establecidos pola normativa do CGAC, «feita polo PP cando gobernaba e executada polos anteriores directores elixidos polo PP cando estaba no Goberno») e foron presentadas «cun valor total de 400.000 euros e pico á comisión de valoración, que adiou a súa tramitación porque solicitou información extraordinaria». Matiza que ese parón na tramitación coincidiu co cambio de Goberno, e que finalmente foi aprobada «cando eu xa non era director e un novo estaba no cargo».

Engade o anterior director do CGAC que as obras están no CGAC «e deberían ter sido pagadas coa partida de 600.000 euros que estaban destinados no orzamento do 2009 para a compra de obras para a colección». Subliña que, en todo caso, o que pode ter ocorrido é que non se executase o pago dalgunhas cousas, «pero non porque non houbese diñeiro previsto no orzamento para elas, senón porque sinxelamente non se pagou». Lembra que foi destituído no mes de xuño e que, un pouco antes desa data, houbo unha reunión de padroado na que o xerente do CGAC, Manuel Arroyo, que leva no cargo máis de dez anos, presentou un informe económico «no que se pode comprobar a pequena cantidade do orzamento que fora gastada nesa data».

Manuel Olveira insiste en que cando se foi do centro quedaba intacta toda a partida destinada a compra de obra e unha parte substancial do orzamento de exposicións, e que o responsable da execución económica e da tramitación administrativa é o xerente, «que continuou traballando no CGAC e tomando decisións, polo que deberá ser el quen explique como é posible que haxa unha débeda cando non se fixeron parte das mostras previstas e cando se mantiveron as adquisicións paralizadas». E conclúe: «O actual director sabe que eu non deixei ningunha débeda».