O creador asegura que dende os seus inicios, no ano 1972, sempre fixo escultura figurativa expresionista, á marxe de modas e de correntes
14 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.De formación autodidacta e cunha aprendizaxe técnica en talleres de artista en Madrid, «nun mundiño que foi unha universidade acelerada», e un ano en Houston, o escultor Ramón Conde (Ourense, 1951) asegura que a súa é unha obra de evolución lenta e que na súa longa traxectoria de máis de tres décadas non mudou a súa liña figurativa. Autor de numerosas obras públicas, vén de inaugurar a última en Pontevedra.
-¿Cal foi a primeira obra monumental que fixo?
-A paternidade que está na praza da Sagrada Familia da Coruña e dúas pezas moi grandes no colexio da Sardiñeira, tamén na Coruña. Pero a primeira foi no pobo do meu pai, enorme e dunha soa peza, que foi toda unha lección. A culminación daquela etapa foi Os Redeiros , que se colocou en Vigo no 91. Todo un desafío. Non volvín facer obras tan grandes.
-¿Estes traballos dan liberdade para a obra máis persoal?
-Teño dúas facetas. Unha é esa investigación emocional pura na que vertes as inquedanzas propias sen outro fin que non sexa a obxectivación de determinadas obsesións e emocións. Poucas obras destas características se converteron en obra pública. O habitual é que sobre o que queren haxa unha certa liberdade. Tamén se dan encargos como o dos dous fundadores do rally de Ourense, que querían que o coche fose o mesmo co que fixeron unha serie de proezas. Son traballos que se incardinan na longuísima tradición de encargos conmemorativos, aos que lles das o teu estilo persoal como artista, como cando queren conmemorar a unha persoa concreta.
-¿Como encadra o que acaba de inaugurar en Pontevedra?
-Tratábase de reflectir máis que a unha persoa unha profesión documentada dende o XVI, o Fiel Contraste, un home bo que interviña para evitar conflitos nas feiras, con pesas homologadas para actuar. Tratei de representar un personaxe moi forte, non porque defendera a tortas a súa opinión, senón para dar a sensación de autoridade. Para non adscribila a ningunha época, prescindín de elementos que o identifiquen, coma o pelo, habitual nas miñas pezas.
-¿O éxito destes traballos explica que non deixase Galicia?
-Non creo que fose nunca un artista excesivamente popular. Sempre mantiven unha liña moi persoal, bastante allea aos vaivéns de modas e correntes. Dende os meus inicios, no ano 72, fago obra figurativa expresionista, era plenamente figurativo, igual que agora, cando predominan as montaxes e instalacións. A miña é unha obra de evolución lenta, que vai afondando en certas sensacións anímicas, cunha linguaxe de elementos mínimos e baseada na figura humana, se ben procuro que a arquitectura desa figura varíe en relación co que pretendo expresar. A súa anatomía pode ser gorda ou gordísima, moi forte ou estar en posturas inverosímiles, creando a sensación, como un mimo, de comunicar un estado de ánimo.
-¿Esa obesidade ten un sentido onírico, de distorsión?
-Cando empezaba estaba en boga o expresionismo, o surrealismo, a psicanálise, un certo existencialismo... Un caldo de cultivo intelectual que configurou a miña maneira de ver a arte e de darlle unha capacidade de introspección. Creo que, no fondo, persigo materializar determinadas obsesións, non no sentido simple da palabra, senón xogando co subconsciente, co magma onírico persoal. Cando estiven en Houston descubrín que era evidente o lugar xeográfico do meu nacemento, que os meus personaxes son gordos como as nosas montañas, redondeadas, poderosas. Se se miraran á vez a paisaxe e as miñas obras veríase o paralelismo.