Os premios Xerais e Merlín, fallados onte na Illa de San Simón, na ría de Vigo, volveron a confirmar o crecente protagonismo feminino na narrativa galega. Dúas autoras que se presentaban por primeira vez a un premio de narrativa foron sinaladas como gañadoras. Iolanda Zúñiga gañou o Xerais de Novela por Periferia , e Teresa González Costa fíxose coa vixésimo quinta edición do Merlín por A filla do ladrón de bicicletas.
Periferia
(que debería ser pronunciado Perifería como sucede no portugués) é a novela gañadora do Xerais. Transcorre nunha favela de São Paulo, en Brasil, e segundo Zúñiga é unha historia contada a ritmo de rap na que, di, «non utilizo puntos e a parte» e esa influencia do musical vai máis alá das formas. Segundo a gañadora, «a música foi unha maneira de aproximarse ao Brasil dende hai moitos anos e nesta maneira de escribir tamén influíu o rap que se fai alá. Tamén está África como orixe de todo».
Teresa González Costa é nova para a narrativa, pero non para o teatro, no que xa gañou premios como o Álvaro Cunqueiro, coa obra Sempre quixen bailar un tango, recén estreada por Galileo, ou o premio Manuel María para textos escénicos infantís. A filla do ladrón de bicicletas é un texto de aventuras cunha rapaza e unha bicicleta que ten nome particular, Celerífera, como protagonistas. Entre os argumentos desta novela para cativos hai tamén algúns elementos de intriga e a súa autora prefire non desvelar a trama máis alá desa intención da protagonista de chegar a cumprir os seus desexos.
No acto de entrega, o director de Xerais, Manuel Bragado, recordou as crises que está padecendo o sector editorial no seu conxunto, pero sinalou a renovación narrativa e autoral en Galicia. Fina Casalderrey, como mantedora, lembrou a necesidade de «manter vivo o galego en cada recuncho do planeta no que nos atopemos».