Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O ex ministro Molina cualifica de erro a desaparición de Cultura no encontro de literatura de viaxes

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

21 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, inaugurou na tarde de onte, na Alameda de Santiago, o Primeiro Encontro Internacional de Literatura de Viaxes (LITVI) 2010, un evento que achega unha oportunidade de afondar no coñecemento desta literatura a todos os afeccionados e usuarios de guías e manuais, os seguidores de novelas ou descricións de paraxes remotos, ou os que, sinxelamente, gustan de viaxar coa imaxinación ou ollar fotografías para descubrir novos lugares.

En realidade o Encontro Internacional de Literatura de Viaxes arrancou ao mediodía coa presenza do escritor e ex ministro de Cultura César Antonio Molina, na apertura da Feira do Libro de Viaxes. Molina declarou que este xénero literario non debe considerarse «menor» que outros. Nun encontro cos xornalistas afirmou que a literatura de viaxes «nace coa propia historia da literatura, está na esencia mesma da literatura universal», polo que, segundo o escritor, non ha de colocarse nun nivel inferior. Para ilustrar a antigüidade deste tipo de literatura, o ex ministro citou ao filósofo e historiador grego Jenofonte e a Horacio, o principal poeta en lingua latina.

Entre os autores de viaxes españois Molina citou a Cervantes, Valera e Bécquer, e dixo que «incluso» o primeiro libro de Lorca, titulado Impresiones y paisajes, abordaba tamén ese xénero. Antonio César Molina afirmou que el non é un escritor de viaxes senón un escritor que utilizou varios xéneros literarios e tamén fixo algún libro de viaxes como o seu último Lugares donde se calma el dolor , que curiosamente é o seu máis vendido. O escritor comentou que ningún lugar pode ser mellor que Compostela para acoller a primeira edición de este evento, recordando que «aquí inventouse a idea do viaxe literario co Camiño».

Recordo de Saramago

Molina tivo palabras de recordo para José Saramago como «vello amigo» que prologou algún dos seus libros, co que compartiu a idea do «iberismo», dunha «unión cultural ibérica». O escritor lamentou «a perda dun amigo, dun xigante da literatura universal, a perda dunha persoa honorable, un cabaleiro fiel ás súas ideas e á defensa das clases máis desfavorecidas». O ex ministro dixo ser «absolutamente contrario á desaparición do Ministerio de Cultura», que considera «un gran erro».

Á primeira hora da tarde chegaban á praza do Obradoiro un grupo de escritores e xornalistas vinculados á literatura de viaxes que recorreron o Camiño Francés desde a poboación de Estella. Todos eles participarán neste encontro que se prolongará ata o día 27.