Os autores recibirán o galardón da 16.ª edición por sendas novelas en galego, castelán e en lingua estranxeira
22 jun 2010 . Actualizado a las 03:27 h.Os xurados da 16.ª edición do premio literario Arcebispo Juan de San Clemente fallaron onte os premios nas modalidades de lingua galega, castelá e estranxeira traducida a un dos dous idiomas a favor da autora galega An Alfaya, do colombiano William Ospina e do italiano Erri de Luca.
A novela pola que Erri de Luca gaña o San Clemente é El día antes de la felicidad , publicada en España pola editorial Siruela. Conseguiu cinco dos dez votos do xurado. Os outros cinco repartíronse entre a novela de Hanif Kureishi Algo que contarte (Editorial Anagrama), e a de Siegfried Lenz Minuto de silencio (Editorial Maeva).
En lingua castelá, os alumnos dos cinco institutos galegos aos que lles correspondeu formar parte do xurado nesta edición decantáronse pola novela El país de la canela , do escritor da cidade colombiana de Padua William Ospina. Venceu por seis votos fronte as finalistas La noche de los tiempos , de A. Muñoz Molina, editada por Seix Barral, e Puente de Alma , de Julián Ríos, da editorial Gutenberg.
No apartado de novela en lingua galega a pontevedresa An Alfaya impúxose por cinco votos que recibiu a súa obra Areaquente , publicada por Sotelo Blanco, ás novelas de Domingo Villar, finalista con A praia dos afogados (Galaxia) e á de Xabier Quiroga O cabo do mundo (Xerais).
Como nas quince edicións anteriores, os tres xurados reuníronse o mesmo día no que fan público o fallo, unha decisión libre e soberana, ata o punto de que a coordinadora da comisión de selección nas novelas en castelán e en linguas estranxeiras, Margarita Prado, comentou ao coñecer o resultado, «como siempre, no coinciden con la que yo creo que va a ganar».
A entrega dos galardóns non se celebrará ata o primeiro trimestre do 2011, aínda que se pode retrasar, como aconteceu coa edición anterior, por problemas de axenda dos tres autores gañadores para que poidan vir recollelos persoalmente. O director do Rosalía, Ubaldo Rueda, confirmou que xa cadraron datas e tras a confirmación dos tres a entrega será o 9 de novembro.