Falece Olga Gallego, ex directora do Arquivo Histórico de Ourense e membro da Real Academia Galega
VIGO CIUDAD
Olga Gallego Domínguez, directora do Arquivo Histórico Provincial de Ourense ata a súa xubilación e membro da Real Academia de la Historia e da Real Academia Galega, finou onte en Ourense. Nacida en decembro de 1923 na cidade ourensá, estaba a piques de cumprir os 87 anos. Olga Gallego era licenciada en Filosofía e Letras e foi directora do Arquivo da Delegación de Facenda en Vigo, a finais dos anos 50 do pasado século, e bibliotecaria da Fundación Penzol.
Amais foi a responsable do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e da Delegación de Facenda na mesma cidade. Desenvolveu durante toda a súa vida profesional unha ampla e prolífica actividade como investigadora, froito da cal naceron títulos sobre o propio Arquivo Histórico Provincial de Ourense, o do mosteiro de Celanova, as barcas e os barcos de pasaxe da provincia durante o antigo réxime ou unha visión da cidade ao través dos séculos.
Investigar ata o final
Olga Gallego desenvolveu ata o final unha disciplina e unha importante labor como investigadora. Membro do grupo Marcelo Macías, acudía todas as mañás ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense, para consultar os seus fondos e tomar notas, sobre as que logo seguía traballando, polas tardes, na súa casa da Praza Maior de Ourense.
O seu último traballo publicado foi o referido aos condes de Ribadavia e segundo recoñecía Xulio Rodríguez, do Museo Arqueolóxico de Ourense, viña de rematar un estudio sobre a idade moderna na Limia para unha publicación do Grupo Marcelo Macías e a Fundación Barrié sobre A Limia. Unha das súas últimas comparecencias públicas foi con motivo dunha xornada organizada polo Concello de Ourense, na que se analizaba a historia da cidade de As Burgas.
O enterro será hoxe, ás 16.30 horas, no cemiterio de San Francisco.