Escritora galega cuxa primeira novela foi seleccionada para ser traducida ao alemán
19 sep 2010 . Actualizado a las 02:33 h.A novela As Médulas (Edicións Barbantesa), da escritora viguesa Silvia Bardelás, ven de ser seleccionada por un comité alemán de expertos para ser vertida ao idioma alemán. Dáse a circunstancia de que é a única novela das quince españolas seleccionadas que non foi escrita en castelán, senón en galego.
-¿Como recibiu a noticia?
-Alegreime de que lle gustase a xente estranxeira, con parámetros diferentes ós nosos.
-¿Ten un valor engadido que o proceso de selección fora feito por un comité de expertos?
-Si. As editoriais fixeron as súas propostas e o Instituto de Comercio Exterior, coa asociación de editores, presentou 210 títulos. Alí en Alemaña, editores, tradutores e outras persoas pertencentes ao mundo do libro seleccionaron quince títulos. É unha boa referencia porque é xente que está metida na literatura e que tocan todos os aspectos dese mundo na escena alemana.
-¿Que cre que lles puido interesar do seu libro?
-Polo que di a recensión que fixeron, interesoulles o tema. Sobre todo que é unha novela que tenta reflexionar no que nos pasa hoxe en día. O tema de que cústanos entrar no mundo, sentirnos dentro del e decidir as nosas vidas. Penso que lles gustou porque é un tema universal que sirve para calquera lugar. Ao mesmo tempo, é un tema actual.
-¿«As Médulas» é unha metáfora?
-Si, é unha paisaxe que me viña moi ben para explicar a situación das personaxes que están metidas como entre paredes que son as montañas do Bierzo. Por outra banda, son as médulas dos catro personaxes tamén, que o narrador métese nelas.
-Vostede fai traducións. ¿Fará vostede a tradución da súa novela ao alemán?
-Non, eu fago traducións do alemán ao español, ademais ultimamente exerzo de profesora de Creación Literaria.
-¿Tenlle respecto ao proceso de tradución, que se perda algo no camiño?
-Sempre se perde algo, pero tamén é certo que ten máis vantaxes ser traducida.
-Vostede dirixe un blog literario e vive en Madrid. ¿Dende esa perspectiva como ve a literatura actual galega?
-Vexo que está demasiado comercializada e ten que apostar por cousas novas e dalas. Hai unha tradición literaria moi boa en Galicia e a lingua está moi ben para escribir.
-¿Quere dicir que lle falta frescura?
-Non quero dicir que non haxa ideas frescas, pero quizais hai que apoialas máis, aínda que iso tamén ocorre a nivel mundial.