Tras sete anos de elaboración, a obra podería chegar as librerías na primavera do ano que vén. O volume incluirá a procedencia das palabras
20 oct 2010 . Actualizado a las 13:34 h.Sete anos de traballos recompilando palabras están a punto de pasar da redacción á imprenta. A Real Academia Galega ten ultimado o traballo científico do novo dicionario, que será o de referencia para a lingua galega nos próximos anos. Aínda que dar unha data en cuestións deste tipo é sempre arriscado, para o ano 2011 a RAG terá un novo dicionario no mercado.
Manuel González, na actualidade tesoureiro na Real Academia Galega, é o director científico deste dicionario, que no que ten que ver coas labores de redacción está finalizado. Sete anos de traballo xustificados por González polo feito de que o dicionario resultante «é moito máis grande, preciso e detallado que a edición anterior». Manuel González sinala que será «o dicionario de referencia para o galego».
Aínda que o número de páxinas non se coñece, dende a Academia sinalan que será amplamente máis do dobre do anterior. Ademais das 50.000 entradas, nos sete anos de redacción participou un equipo formado por nove persoas para ir reunindo, depurando e pulindo os datos. Datos que, segundo a RAG, ofrecen algunhas novidades, posto que, tanto no morfolóxico como no semántico, se incorporan solucións e definicións que poden ser consideradas como definitivas e normativas.
Seguindo a estrutura clásica dos dicionarios, o que ofrecerá este novo dicionario da Academia é un volume normativo, en canto ortografía ou pronuncia, timbre aberto ou pechado; tamén será normativo no semántico, en canto a significado. Isto será unha diferenza en canto a outros dicionarios do mercado que poden ser correctos en canto á forma, pero distan bastante de ser maduros en canto ao significativo, segundo a Real Academia.
O volume incluirá información morfosintáctica e explicará os distintos tipos de verbos en cada caso: transitivos, intransitivos, absolutos e pronominais.
Outra das novidades desta edición, que podería chegar ás librerías para o mes de maio próximo, é que incorpora información habitual da procedencia da palabra, pero ademais ofrece datos sobre a que rexistro oral pertence, sexa culto ou familiar, entre outros.
Tamén nos petos
Aínda que este dicionario será o principal dos editados baixo o selo da Real Academia Galega, a vocación da institución non é quedar aí. Segundo Manuel González e mais o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, a intención da RAG é poñer a disposición dos galegos outros dicionarios en versión portable, ben como manuais, ben de peto.
As dificultades neste caso, segundo explicou Axeitos, proceden máis ben das incertezas económicas da Real Academia e das dificultades para pór «en marcha novas comisións que se responsabilicen deses cometidos». Pero Xosé Luís Axeitos sinala así mesmo que nun futuro non moi distante a Academia «poderá promover unha colección de dicionarios para distintos usos en formatos máis accesibles e variados».