Publican en inglés unha nova antoloxía que repasa a historia completa da literatura galega desde o medievo
CULTURA
Arredor de 300 textos e 350 autores son os que figuran nesta obra, que ten como punto de partida un vello proxecto de Xerais que non se chegou a completar.
28 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Baixo o título de Breogan's Lighthouse: An Anthology of Galician Literature, os lectores ingleses dispoñen xa dunha antoloxía completa que traza a liña da historia da literatura galega. Editada por Antonio Raúl de Toro Santos e publicada por Francis Boutle Publishers dentro da colección destinada a linguas minoritarias, a antoloxía iníciase coa lírica medieval e remata neste mesmo ano 2010.
Precisamente esa amplitude no tempo e a incorporación de autores recentes é unha das vantaxes que ten, segundo o seu editor, esta obra. Arredor de 300 textos e 350 autores son os que figuran nesta antoloxía, que ten como punto de partida un vello proxecto de Xerais que non se chegou a completar. De Toro Santos colleu aquel proxecto e traballou na ampliación de autores e xéneros. Explica o profesor que aquela edición «estaba fundamentalmente orientada á poesía e na edición que fixen aparecen moitos máis xéneros e moitos máis autores».
De Toro tamén marca a distancia coa antoloxía publicada por Galaxia e Xerais meses atrás. Neste caso apunta que esa antoloxía «remata en 1980, mentres que a nosa chega ata o presente, entre outras cousas porque xusto despois de 1980 ocorreron moitas cousas na literatura galega». Noutro sentido, o editor desta obra sinala que non ten un carácter académico. «Non se trata dunha obra académica, ten un carácter divulgativo e, polo tanto, está dirixida a un público amplo». Ademais da preocupación polo posible público ideal deste libro «tivemos unha preocupación pola imaxe de conxunto que se ofreza a un lector que non coñeza a literatura galega». Neste sentido, explica o responsable da edición que a liña que traza a obra dende o principio ata o presente «está apoiada nos autores que podemos considerar canónicos e que son aceptados comunmente como os relevantes na historia da literatura». En todo caso, sinala De Toro Santos que «o número de autores que forman a antoloxía, 350 aproximadamente, xa deixa unha idea de que moi poucos autores quedaron fóra da selección».
O libro incorpora tamén dúas introducións, unha a cargo de Luciano Rodríguez e outra de Manuel González. Tamén participou no libro un equipo de tradutores para a súa versión inglesa.
O volume conta con cerca de 700 páxinas e será presentado na segunda quincena do mes vindeiro tanto en Inglaterra como en Galicia. No caso inglés será presentado en Oxford e máis en Londres. En Galicia está confirmada a presentación coruñesa para o día 25 de novembro, mentres que a presentación en Compostela será polas mesmas datas, pero aínda está pendente de ser fixada.