Os títulos dos seus libros son abondo elocuentes. Escritoras galegas, Nais, damas, prostitutas e feirantas e Alba de mulleres contribúen á unha extensa produción onde non falta unha ollada á obra de Luz Pozo Garza, María Mariño ou Carvalho Calero. Carmen Blanco (Lugo, 1954) é profesora da Facultade de Humanidades da USC e coordina, xunto a Claudio Rodríguez Fer, a revista Unión Libre.
-¿Por que escolleu a autoedición dixital a demanda a través de Meubook para os seus ensaios «Feministas e libertarias»?
-Meubook pediume un libro desta temática. Aceptei encantada pola necesidade do combate libre e pacífico contra a pandemia do poder sexual e por apoiar unha iniciativa innovadora.
-Xa no limiar da obra pula pola mellora da vida a través do coñecemento, o amor e o abandono de prexuízos. ¿Vostede é deste mundo?
-Non son do mundo da ignorancia, dos odios e das guerras. Estou coas boas persoas que propagan a sabedoría e a solidariedade, con liberdade e valentía, sen complexos.
-As guerras civil e mundial supuxeron, como vostede di, retrocesos para a muller e o colectivo homosexual. ¿Hoxe hai perigo de que políticas a favor destes sectores impoñan privilexios tan criticables como os patriarcais?
-Progresar consiste en ampliar as liberdades e non os privilexios. Debemos buscar a resolución dos problemas en aras da dignidade humana (integral) combinando, con intelixencia e flexibilidade, os principios da igualdade e o respecto ás diferenzas. Haberá que recoller todas as potencialidades positivas dos bens que nos deu a diversidade cultural.
-¿Propón rexeitar, xa que logo, todos os males?
-Si, sexan globais ou identitarios, de xénero feminino ou masculino, de clase alta ou baixa, xudeus ou árabes, xitanos ou paios, heterosexuais ou homosexuais. Cómpre mellorar a vida co saber máis avanzado.
-¿A defensa dos dereitos dos colectivos marxinados é unha loita que non terá fin?
-A historia da humanidade é a da consecución de cada vez máis dereitos para todos. Cantos máis se sumen á loita, máis se acelerará o proceso. Porque a liberdade é posible e a felicidade na Terra tamén.
-Dos apartados do libro «Musa feminista», «Musa libertaria» e «Musa Memoria» despréndese que liberdade e alegría van xuntas. ¿A que atribúe que algúns sectores relixiosos obriguen a un lamento constante?
-Urxe potenciar o vitalismo. Procurar o sentido da vida na cultura que valora de xeito positivo o pracer, a paz e a alegría, o coidado da xente e do planeta. Iso fronte ao prestixio reaccionario da cultura da morte, da dor.
-¿O poder sexual escraviza?
-Faino a través da prohibición e da alienación. A liberdade sexual é un dereito. Respectala é a alternativa aos acosos, violacións, o asasinato, a prostitución. O amor ten que ser libre.