Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Galaxia prepara unha homenaxe a Del Riego para o 7 de xaneiro

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO/LA VOZ.

CULTURA

A Xunta anuncia un acto de lembranza que terá lugar o 1 de decembro, aínda que non se sabe onde será

29 nov 2010 . Actualizado a las 02:06 h.

As homenaxes a Francisco Fernández del Riego vanse suceder nos vindeiros meses. A primeira foi anunciada onte pola Xunta de Galicia. Será o mércores 1 de decembro, aínda que descoñecen en que cidade terá lugar. Di a Xunta que veñen de convocar á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura Galea, á Fundación Penzol e á Editorial Galaxia para participar nun acto de recoñecemento da sociedade galega ao intelectual galeguista. «A homenaxe que organiza a Xunta de Galicia ten por obxecto poñer en valor o inmenso legado de Francisco Fernández del Riego e reunir ao conxunto da sociedade galega ao redor do tributo á súa figura», di o comunicado da Xunta de Galicia.

Ese mesmo espírito aglutinador é invocado pola Editorial Galaxia para, xunto as fundacións Penzol e Isla Couto, Concello de Vigo e outras entidades galegas, realizar o vindeiro 7 de xaneiro outra homenaxe a Paco del Riego no Centro Social de Caixanova de Vigo. Os organizadores queren que ao acto se sumen o maior número de asociacións e entidades para desta maneira simbolizar a labor aglutinadora que desenvolveu ao longo da súa vida Del Riego polo ben da cultura galega.

A data elixida é todo un símbolo para o galeguismo. Por unha banda, é cando naceu Fernández del Riego e, pola outra, coincide co pasamento de Castelao en Bos Aires, polo tanto, un día dobremente simbólico para o galeguismo.

Por outra banda, a Real Academia Galega estuda a posibilidade de celebrar unha solemne reunión do seu plenario na Fundación Penzol de Vigo para os primeiros días de decembro, aínda que non se deron os pasos definitivos para facelo.

Namentres, a Fundación Penzol exerceu onte de polo de atracción para quen quixo dar o derradeiro adeus ao insigne galeguista. Os membros do consello de administración da Editorial Galaxia, con Víctor Freixanes entre eles, exerceron de anfitrións no velorio civil formalizado na Casa Galega da Cultura, en Vigo.

Reunión de persoeiros

Durante toda a xornada, foron moitas as persoas que quixeron asinar no libro de condolencias habilitado pola Editorial Galaxia. Pola mañá, houbo un momento no que coincidiron na mesma sala Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Méndez Ferrín, Camilo Nogueira e Xesús Alonso Montero. «Hai cousas que só podía acadalas don Paco», reflexionaba en alto un coñecido galeguista.

No libro de condolencias podíase ler as mensaxes de persoas coñecidas da cultura e a política galega, pero tamén de outras persoas sen repercusión mediática, como unha nena de dez anos que remataba a súa despedida cun: «Un abrazo para Castelao dende Vigo».

Outros non se esqueceron do papel xogado por Del Riego nas negociacións laborais entre Citroën e os traballadores a mediados dos anos setenta, cando as dúas partes o nomeaban como mediador debido a súa altura moral.

«Nós estabamos obrigados a facer este acto aquí, na que era a súa casa, diante dos seus libros e a súa máquina de escribir», explica Víctor Freixanes, sinalando a vella maquina que quixeron situar a vista dos asistentes.

O libro de condolencias permanecerá hoxe no primeiro andar da Casa Galega da Cultura de Vigo, entre as 11.00 e as 18.00 horas.

Funeral

Hoxe, ás sete da tarde, a concatedral viguesa acollerá un funeral pola memoria do creador do Día das Letras Galegas. A cerimonia relixiosa vai ser oficiada polo bispo da Diocese Tui-Vigo. Os restos mortais de Fernández del Riego foron incinerados e van ser depositados en Nigrán, onde repousan os restos de Evelina, a súa dona.