Hugo Martínez preparou o texto de Conversa ultramarina, que estes días está a poñer nas librerías o selo Edicións Positivas. Este libro epistolar recolle as cartas enviadas polo escritor a Piedad Cabo mentres ela estaba en Estados Unidos. Sobre se o volume ten máis carácter público ou privado, explica Martínez que «é difícil saber a intención, se pensaba efectivamente nunha publicación cando a escribiu». Sinala o editor que pronunciarse sobre as súas intencións «non sería xusto co poeta».
Engade Hugo Martínez que Pereiro «non deixou máis indicación que unha nota manuscrita na que, un pouco en broma, legaba a Piedad esa decisión «no caso de precisar cartos para comprarse un sándwich en Chinatown». É máis partidario o editor das cartas de xulgar «a pertinencia de publicar a obra se, en lugar de reparar na intención do poeta, atendemos ás características do texto».
«Latexo poético»
«Coido que, na Conversa ultramarina , Lois escribe páxinas que conteñen, talvez, as mellores mostras da súa poesía. No proceso de composición, coida moito a súa prosa: toma notas, como el mesmo informa, que logo corrixe e mecanografía. Disto podería deducirse que hai una vontade, como un latexo poético, por transcender a comunicación exclusiva con Piedad», apunta Hugo Martínez.
Na análise que o editor fai deste libro a conclusión é que Conversa ultramarina «é o prólogo de Poesía última de amor e enfermidade, a derradeira e máis completa autopoética de Lois Pereiro. Nela pódense rastrexar todos os seus referentes artísticos e vivenciais, de xeito que, ademais do seu valor literario, evidente e inmediato, o texto revélase coma un laboratorio no que experimenta en prosa cos materiais que conforman os seus derradeiros poemas».
Martínez sinala que Lois Pereiro é aínda hoxe «un poeta moi descoñecido» e precisamente por esta circunstancia Conversa ultramarina «vai facilitar a aproximación de novos lectores á súa voz».
«En certa medida -engade o editor-, esa foi a razón de publicar este texto inédito: agora que todo o mundo está a falar del, parecíanos necesario permitir que o propio Lois Pereiro puidese falar de si mesmo».