A cultura galega en pleno deuse cita onte en Vigo para recordar ao desaparecido patriarca das letras
15 ene 2011 . Actualizado a las 12:02 h.¡Viva don Paco!» sería, en resumo, o espírito da reunión celebrada onte en Vigo, en homenaxe ao recentemente falecido Francisco Fernández del Riego. O acto foi promovido pola Fundación Penzol, que dirixiu ata poucos meses antes do seu pasamento, e a Editorial Galaxia, da que foi cofundador en 1950, as dúas institucións ás que o intelectual galeguista entregou unha parte moi importante da súa vida. Foi a última loa, non a derradeira, dirixida ao ilustre persoeiro que morreu o pasado 26 de novembro aos 97 anos. A idea dos organizadores era convocar o recordatorio o 7 de xaneiro, data na que o homenaxeado cumpriría 98 anos, pero por motivos de axenda foi adiado unha semana. O director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, conduciu o acto deixando claro desde o inicio que a convocatoria trataba «non da despedida dunha vida, senón da celebración dunha vida, en memoria dun home senlleiro, unha desas persoas que pasan como os cometas e deixan un ronsel, unha luminosidade especial». Freixanes tamén insistiu no carácter do encontro literario e académico dunha homenaxe, «fundamentada na admiración, o afecto e a testemuña dos que o coñeceron e o apreciaron», sinalou.