A redución do seu presuposto nun 25% obriga a fixar unha tarifa de tres euros
04 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Entre o 2010 e o 2011 o presuposto do Museo do Pobo Galego reduciuse nun 25% aproximadamente. Esta rebaixa obrigará ao museo a tomar algunhas medidas recadatorias suplementarias como cobrar entrada. Esta suxestión será estudada na asemblea que o padroado desta entidade celebrará o vindeiro sábado en Compostela.
A proposta de cobro é, segundo fontes da xunta rectora, de carácter limitado, de xeito que se cobraría tres euros a entrada normal, dous euros para grupos de máis de oito persoas e quedarían exentos, como ata agora, os grupos escolares ou os da terceira idade. O museo espera recadar por esta vía, cun cálculo pesimista, uns 30.000 euros por ano.
Segundo os datos aprobados no pasado mes de decembro polo padroado da entidade, o museo contará con 496.563 euros de presuposto (por 625.989 do anos pasado). Os ingresos previstos para este ano son unha dobre achega da Xunta, 96.000 euros para inversión e 238.400 para funcionamento. Ademais destes 334.400 euros, o museo percibirá outros 105.000 procedentes de patróns e socios da entidade. Deste xeito, o museo ten garantidos para este exercicio case 440.000 euros, polo que precisará outros 56.000 para cubrir a totalidade do orzamento.
Desde a xunta rectora consideran que cobrar pola entrada pode compensar esa diferenza orzamentaria, que tamén evitaría tomar decisións máis graves e que podería comportar mesmo ter que pechar as instalacións do museo durante algúns días por semana se non se pode contar co persoal necesario para mantelo aberto. O capítulo de persoal supón máis da metade do presuposto (274.000 euros) e este ano finalizará a axuda recibida polo museo a través do Plan de Emprego e que lle permite contar con catro vixiantes máis. A plantilla do Museo do Pobo está formada por dez persoas.