Francisco Leiro: «Eu fago o mesmo en Nova York que en Cambados»

rodri garcía A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O artista instalou onte na Coruña a súa última obra, «Acarrexador»

30 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

As súas poderosas mans amosan as pegadas do seu traballo. Un pitillo perdíase no mediodía de onte entre os seus dedos despois de descubrir a súa última obra, bautizada como Acarrexador. O nome «dalgunha maneira venlle ben aquí», dicía Francisco Leiro (Cambados, 1957), diante do novo centro comercial Marineda City, da Coruña. A figura de bronce ten seis metros de alto, pesa 7.000 quilos «e desde calquera sitio vense dúas pernas, aínda que ten tres», explicou. O autor de Sireno, en Vigo, ou Homenaxe a Castelao, en Santiago, falou da nova escultura como «unha combinación entre a figura e os obxectos, non se sabe moi ben se o que está vivo é o personaxe ou os propios obxectos que leva».

-¿Segue entre Cambados e Nova York?

-Esta peza está feita en Cambados, onde teño a miña casa de toda a vida. Teño taller en Nova York e paso tempo en Madrid.

-Ten dito que Nova York é unha cidade que devora todo.

-¿Dixen iso? Sería hai moitos anos. Nova York é unha cidade que se alimenta de carne humana. Por iso fixen esa metáfora.

-Muñoz Molina sacouno nas súas «Ventanas de Manhattan».

-Si, é un libro que fixo da cidade cunha serie de cousas e aparezo aí porque ven visitarme o taller, por iso fala de min.

-¿Recibe moitas visitas?

-O normal. Aquilo non é a embaixada española, nin a galega. Eu fago o mesmo en Nova York que aquí. A vida de artista é vida de taller, estás aí coas túas cousas. E tes visitas como todo o mundo, de amigos, da xente do mundo da arte, coleccionistas, críticos...

-¿Leva un diario de debuxos?

-É polo proceso de creación. Teño por norma debuxar todos os días, de forma automática. É unha especie de diario, cada día os meus debuxos quedan como testemuñas da xornada.

-Darían para un bo libro.

-Pois seguramente, teño un feixe deles. Nalgunha ocasión os expuxen co nome de Viveiros, dalgunha maneira é a semente do que vén despois.

-¿Teñen as súas obras un fondo surrealista?

-Teño un substrato surrealista da miña época xuvenil santiaguesa. Formei parte dun grupo de artistas que diciamos que eramos surrealistas, diciamos... Despois fun moi lonxe diso, pero na miña obra sempre hai un toque surrealista no sentido da composición, do irreal, aínda que está máis próxima a unha escultura máis poderosa.

-¿En que traballa agora?

-Estou preparando unha exposición que teño en marzo do ano que vén en Nova York. Parte da obra vouna facer en Cambados e mandala por barco.

Francisco Leiro escultor