Carlos Rego, acaba de publicar «Nuevo rock americano»
02 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Para o rock tamén hai literatura. Incluso para o rock que gozou de máis influencia que fama. Carlos Rego fai música, agora mesmo con Burgas Beat, pero antes con grupos como Cosecha Roja. Tamén escribe sobre música. Acaba de publicar Nuevo rock americano, años 80. Luces y sombras de un espejismo, publicado por Milenio.
-Escolleu un tempo e un xénero que non tivo moito favor do público.
-Quizais por iso. Creo que foron uns grupos e un estilo que tiveron máis influencia que fama. Naqueles anos parecía que o punk quería varrelo todo. En España, ademais, o mundo do rock era case por completo probritánico, moi nova ola, aínda que algúns grupos como La Frontera ou BB Sin Sed podían asimilarse a aquelas influencias. Pero en xeral non tiñan moito predicamento. Violent Femmes pasaron por España e só estiveron en La Edad de Oro, o programa da televisión. Desa época trunfaron R.E.M. e, noutro sentido, tamén Los Lobos.
-¿A valoración cambia ao velo con tempo?
-Creo que moito, porque aqueles grupos, Dream Syndicate, Long Ryders, tiveron influencias en grupos posteriores ata o punto que penso que poden ser considerados como unha ponte coa música que hoxe se chama americana, que aínda que sexa unha etiqueta na que caben moitas cousas, mantén relacións co rock americano dos oitenta. Tamén hai que ter en conta que os mellores daquel tempo seguen facendo bos discos a día de hoxe. Pero a circunstancia hoxe é moi diferente da que era hai trinta anos. Hoxe está todo moi atomizado e chaman menos a atención.
-Ademais de escribir sobre eles, ¿ten influencias deles como músico?
-Moitas, moitas, moitas. Sempre fun máis americano que británico. Sempre me gustou ese tipo de música crúa, moi inmediata, coas guitarras sen moito tratamento. Unha música que sen chegar a ser punk era moi directa e moi simple. Pero tampouco eran grupos ruidosos. Nos discos desa época, aínda descubro cousas que me parecen moi sinceras.
-Este é o seu libro de debut como estudo musical. ¿Repetirá?
-Teño outro na cabeza sobre a escena pop de Ourense nos sesenta. Había unha vida musical na cidade moi intensa e non creo que houbese outra con tanta actividade. Esa actividade tamén define o carácter e a identidade das cidades. E parece que os historiadores non reparan na importancia da música. Estou investigando con Luís Vázquez, pero teño moitas ganas de sacalo adiante.
«O rock americano dos oitenta tivo máis influencia que fama»
carlos rego autor de «Nuevo rock americano»