A editorial Galaxia presentou no Casino de Santiago unha obra atractiva para os sentidos, «Cociñando ao pé da letra»
15 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A editorial Galaxia presentou no Casino de Santiago unha obra atractiva para os sentidos, Cociñando ao pé da letra, con Yolanda Castaño no papel de xefa de sala para servir unha carta especial, pratos elaborados por 21 escritores e escritoras «coa idea de mirar o que se está a facer na literatura galega e achegala á sociedade, que ás veces se afasta por prexuízos, e o que fai falta é ver aos autores na realidade do que son e pensan».
Yolanda Castaño contou coa artista Andrea Costas para poñerlle a guinda de presentación, a imaxe fotográfica «con alma de artista, dunha creadora», cun resultado atraínte e suxerinte para un libro «que non é de técnicas nin un receitario. Racha coa imaxe tradicional que temos dun escritor, detrás dun atril ou nunha cadeira en actitude distante, para achegalo picando cebola e amasando. A obra nace co espírito de mesturar xéneros e disciplinas, porque a literatura, como a cociña, tamén se fai coas mans e precisa de adobos e tempo para levedar».
Estas propostas culinarias para entrar na literatura galega «ata a cociña», reza no subtítulo, non son «pratos de gourmet nin elaboracións requintadas». Está dedicado «a todas as nais que hai detrás deste libro», porque no proceso de traballo cos autores e autoras veuse que as nais estaban moi presentes, a memoria da súa cociña».