O autor lucense recibe hoxe unha homenaxe de colegas e veciños
25 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Paco Martín di que non é un escritor de premios porque á maior parte dos que ten presentárono. Iso foi o que lle ocorreu co de maior repercusión, o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 1986. Na mesma liña, agora acaba de recibir outros dous recoñecementos: o Concello de Lugo púxolle o seu nome á biblioteca pública do barrio da Piringalla, e a Asociación de Escritores en Lingua Galega dedicoulle o recoñecemento anual O escritor na súa terra, que recibe hoxe cunha xornada de homenaxe que ten lugar na cidade.
-¿Como sentan os premios tras 40 anos publicando?
-Non teño o costume de presentarme, supoño que por medo a que non mos dean. Soamente me presentei a un, o de Barco de Vapor, pero sentan ben porque os recoñecementos que os compañeiros e os veciños lle fan a un, nunca chegan tarde.
-O Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil foi o que máis sona lle deu. ¿Un autor ten premios preferidos?
-Non. Cada premio ten a importancia que ten, aínda que a ese téñolle un certo cariño por unha razón fóra do propio premio: nunca un libro en galego levara un premio nacional, e faime sentir un pouco pai dun certo recoñecemento ao meu idioma.
-¿Cara onde avanzará a literatura infantil nesta cultura do audiovisual?
-Como toda a literatura, imaxino que acabará en formato dixital, pero sempre haberá quen necesite mover a imaxinación e participar máis directamente na historia que está lendo.
-¿A infantil é unha especialidade da literatura?
-Salvando os primeiros niveis, é literatura a secas.
paco martín escritor