Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«A praza», «Historias de Oregón» e «O Nicho 151», finalistas do premio Novela por Entregas de La Voz

Redacción / la voz

CULTURA

Un xurado composto por periodistas, críticos e escritores terá que decidir cal será a gañadora.

03 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Detectives, periodistas, políticos, taberneiros e policías son algúns dos personaxes que circulan polos tres orixinais finalistas da nova edición do premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Estas historias presentáronse ao premio baixo os títulos A praza, Historias de Oregón e O nicho 151. Un xurado composto por periodistas, críticos e escritores terá que decidir cal será a gañadora, un fallo que se dará a coñecer o vindeiro xoves nunha cea literaria que terá lugar no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, nas instalacións de La Voz de Galicia en Sabón.

Seguindo a fórmula das novelas por entregas, as finalistas tiveron que cumprir algunhas condicións, como limitar a extensión dos capítulos a unha determinada cantidade de carácteres e dividir o relato en trinta e un capítulos, tantos como días ten o mes de agosto, tempo no que se efectuará a publicación da obra seleccionada nas páxinas de La Voz de Galicia e a súa edición dixital.

O premio xa é un dos clásicos de novela no panorama galego, ten por obxectivo recuperar un xénero que tivo moito uso na prensa e conta co apoio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés. As tres novelas finalistas aproveitan a intriga para manter a atención do lector dun capítulo para outro, que, neste caso, é como dicir dun día para o seguinte. A historia de A praza transcorre nunha vila ficticia, arredor dun bar e a praza onde está situado e pola que cruzan personaxes prototípicos da vida das poboacións pequenas.

Historias de Oregón está ambientada en rúas e barrios da cidade de Ourense, cun papel para os incendios forestais e as cuadrillas que abrasan a provincia verán tras verán.

Os trinta e un capítulos de O Nicho 151 desenvolven unha intriga na ría de Arousa. Cambados, Vilagarcía ou A Illa son espazos físicos recoñecibles no texto do relato. Neste caso, ademais dun detective, tamén hai unha investigación participada por periodistas para descubrir os segredos da trama.