Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Fina Casalderrey: «A vida é o mellor taller literario»

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

A autora lanza unha nova edición de «Un misterio na mochila de Alba»

30 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Esta verán vive nunha nube de emocións. Xubilouse como profesora no IES Illa de Tambo, de Marín, despois de corenta anos na docencia e celebrou vinte da publicación da súa primeira obra coa nova edición de Un misterio na mochila de Alba, unha obra que lanza Oxford e que precisamente ela di que dedica aos mestres.

-¿Que cambia nesta reedición con respecto ao libro publicado no 2005?

-Eran oito capítulos e agora 25. É en esencia a mesma historia, pero contada doutra maneira, con máis detalles, moi mimada. O libro ten pasta dura e debuxos de Xosé Cobas.

-Di que este libro llo dedica aos mestres.

-Pois si, a todos os ensinantes e especialmente aos que foron coincidindo no camiño comigo e aos da miña escola infantil de Monteporreiro, que leva o meu nome. Eles me elixiron en vida, e eu tamén quero facerlles cousas a eles en vida.

-Pode dicir que se vai da docencia coa mochila chea.

-Pois é certo. Voume coa mochila chea de afectos, dos compañeiros, e dos nenos e nenas. Iso faino por un lado máis doce, e por outro, notas un pouquiño de «demasiado pronto». É coma se foses un afogado; eu nunca estiven afogándome, pero polo que din pasa a vida como nun momentiño toda por diante. Pois a miña vida profesional tamén. É coma se me pasase toda por diante. De todo o que me levo non son as cousas prácticas ou as teorías que ensinei, senón outras as que máis quedan. Cando alguén se emocionaba cun poema... Ou dicía: «Profe, fixen un poema ao estilo de O divino sainete de Curros». Agora mesmo, cando pensas que os nenos pasan máis desas cousas non é certo, porque estes días demostráronmo con esas bágoas sinceras, con cartas deliciosas ou con frases como: «Cando me dean o Nobel de Ciencias, voucho dedicar a ti e á miña avoa...» Con isto pensas: non o debín facer tan mal. E prefiro irme sen que me boten, cando sinto que aínda me queren, cando eu os quero. Prefiro irme cando só me cansan e non me aburren. Esta é unha dor que paga a pena vivir, aínda que doa, é peor non a ter vivido nunca. É máis, este ano, que xa sabía que me ía, parecíanme os nenos máis bos que nunca. Daba Galego nuns cursos e noutros Matemáticas e tiven moita sorte, tiven un curso excelente. Había uns nenos espabiladísimos..

-A obra é un relato sobre o que precisa a xente para ser feliz. ¿Que cre que necesitan agora os nenos para selo?

-Sobre todo precisan tempo e atención. E a atención non se xustifica mercándolle todo o que queiran e non poñéndolle límites. Eles son intelixentes, moito máis do que pensamos. Saben cando un mestre ou un pai non lle sabe poñer límites. Eles tiran ata onde ven, e son conscientes de cando están manexando eles e cando o barco vai á deriva porque o que lles deixan facer non é normal. Eles necesitan deses límites e agradécenos.

-Agora que deixa a docencia terá máis tempo para escribir.

-Agora quero vivir, que a vida é o mellor taller literario. Terei tempo para vivir outras cousas e beber do que xa vivín. Xa entro nesa etapa [ri] de mirar dentro. E por suposto non perder o contacto coa realidade de fóra, supoño que cos nenos non a perderei cando haxa encontros en escolas ou así. Se penso que vou perder, si que me entra unha saudade que doe e non me gusta.

fina casalderrey escritorA

«Voume coa mochila chea de afectos, dos nenos e nenas, e dos compañeiros»