As editoriais galegas apostan pola narrativa clásica e contemporánea nas novidades de outono
CULTURA
Os premios Xerais chegan ás librarías xunto co novo libro de Domingo Villar
29 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Despois do repouso do verán, as editoriais galegas prepáranse para a recta final do ano cunha oferta que abrangue os xéneros e autores máis diversos. Unha das novidades máis esperadas nos andeis é a das novelas galardoadas nos premios Xerais. O gañador, Xavier Queipo, recupera o xénero de aventuras en Extramunde, un relato de mar e viaxes. Na categoría infantil triunfou nestes premios a ciencia-ficción. A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, fala da creación do primeiro ser humano artificial nunha literatura cargada de fantasía e humor. O terceiro premiado, Héctor Carré, publica a novela xuvenil Febre, unha historia do Oeste situada en terras galegas na que non faltan espías, armas e unha moza que decide non someterse ao destino e forxar o seu propio camiño.
Estas tres novelas estarán acompañadas do último traballo de María Xosé Queizán, que presentará nos próximos meses Meu pai vaite matar (Xerais).
Outra das novidades estrela será a nova entrega de Domingo Villar protagonizada polo detective Leo Caldas. Despois de Ollos de auga e A praia dos afogados, chega Cruces de pedra (Galaxia), unha novela que arranca coa desaparición dunha muller en Moaña. Nesta editorial publicarase tamén Laura no deserto, o regreso de Antón Riveiro Coello, e Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias.
No capítulo de traducións, na primeira semana de outubro sairá ao mercado, tamén en Galaxia, a terceira entrega de 1Q84, de Haruki Murakami, que se publicará en galego de forma simultánea á versión en castelán de Tusquets. O selo continuará coas traducións da obra do Nobel turco Orhan Pamuk con O libro negro, e publicará A verdade sobre Marie, de Philippe Toussaint, e C, de Tom McCarthy. Pola súa banda, Rinoceronte achegará ao galego Contos da era do jazz, de Scott Fitzgerald. Este selo editará diversos audiolibros, entre os que destaca Seda, de Alessandro Barico.
Novela gráfica e obra infantil
Aportarán a cor as novidades en banda deseñada e ilustracións, coma as do checo Miroslav Sasek que recupera El Patito Editorial. Despois das aventuras en París e Londres publicadas o ano pasado, saen Esto es Nueva York y Esto es Roma, guías pensadas para achegar o pracer de viaxar aos pequenos. Pola súa banda, Galaxia adentrarase tamén na novela gráfica con Nómades, de Xosé Tomás.
Edicións do Cumio continuará coa colección infantil A familia caravana, de Pepe e Abraham Carreiro. E haberá que esperar ata outubro para ver A viaxe de Olaf (Kalandraka), cuarto Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. O relato de Martín León Barreto está protagonizado por un personaxe que sae dun pequeno planeta na procura de novos amigos.
A cociña ocupará unha parte importante das novidades, comezando cunha obra centrada nos frutos da tempada. 50 recetas con moras, de Xesús Fraga (Alvarellos), é unha recompilación de receitas doces e salgadas feitas con amoras e outros froitos silvestres. Os mozos terán a súa oportunidade de pórse mans á masa con dous títulos da nova colección de Ouvirmos: Bocadillos e Sobremesas.
«Extramunde» (Xerais)
Un grupo de condenados pola Inquisición emprenden unha viaxe transoceánica nunha goleta.
«Cruces de pedra» (Galaxia)
Tras Ollos de auga e A praia dos afogados, o detective Leo Caldas regresa ás librarías.
«A bordo dun barco sen luces» (Alvarellos)
Luz Pozo revisa e amplía un ensaio sobre Luís Pimentel.
«Meu pai vaite matar» (Xerais)
Voz pioneira do feminismo galego, a autora viguesa publica unha nova novela.
«El libro de los besos y la niebla» (Alvarellos) O autor visita periodismo, literatura e prosa poética.
«Laura no deserto» (Galaxia)
Despois de contar como se escribe unha novela en Os ollos de K, o autor da Limia regresa.