Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Luís González Tosar: «Hoxe Galicia é unha potencia literaria»

b. p. l. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O presidente do Pen Clube de Galicia e o tamén escritor Bieito Iglesias, representan desde hoxe a Galicia en Belgrado no Congreso Mundial de Escritores

13 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A punto de cumprir o cuarto de século, o Pen Clube de Galicia é un dos centros máis activos nesta organización internacional de escritores. «Hai estados que non teñen a creatividade e a productividade de Galicia, que hoxe é unha potencia literaria», afirma o seu presidente, Luís González Tosar. El e o tamén escritor Bieito Iglesias representan desde hoxe a Galicia en Belgrado no Congreso Mundial de Escritores.

-¿Cal é o obxectivo do congreso?

-Vaise aprobar a nova redacción dunha carta internacional sobre a pluralidade lingüística e a necesidade de que, nos casos nos que conviven varias linguas, se protexan as máis desfavorecidas. Sempre se debe dar prioridade á lingua máis débil.

-¿Que outros temas abordarán?

-Imos participar en debates con destacados autores serbios. Alí tamén se ultimarán detalles da próxima edición do festival Free the Word, que se celebrará en Santiago. Teremos invitados de excepción e intentaremos dialogar non só coas culturas minoritarias, senón con todas as literaturas do mundo.

-¿Cal é a situación da literatura galega nese contexto internacional?

-A literatura galega nunca estivo tan ben. O mérito é das novas xeracións que escriben en galego, falan idiomas e traducen. A galega non é unha literatura subvencionada, como pensan algúns, senón que xera riqueza incluso en tempos de crise. Por iso sería un erro que, nos recortes, se lles ocorrese suprimir a Consellería de Cultura ou fusionala. A identidade de Galicia ten como base a cultura propia.

luís gonzález tosar presidente do pen clube galego