Mentres os títulos publicados tamén subiron un 8,2 %, a facturación diminuíu un 8 % e perdéronse 42 empregos.
14 oct 2011 . Actualizado a las 17:34 h.No 2010, as editoriais galegas publicaron 2.115 títulos, superando así os 1.829 do 2008 e os 1.954 do 2009, ano co que establece un crecemento porcentual do 8,2 %, un dos máis altos no conxunto da edición española, segundo se constata no informe Comercio interior del libro en España, da Federación de Gremios de Editores. Esta subida vén acompañada tamén dun incremento no número de exemplares, xa que os 3.361.000 libros fabricados o ano pasado deixan a moita distancia os 2.644.000 do 2009, cunha diferenza positiva do 27,1 %. Este dato inviste a tendencia á baixa entre os anos 2008 e o 2009, unha subida máis significativa por producirse nun contexto de crise. A tirada media por obra sitúase en 1.589 exemplares, mentres que o catálogo vivo das editoras galegas chega xa aos 13.269 títulos.
Porén, o 2010 tamén deixou datos negativos para o sector. A facturación rozou os 31 millóns de euros, un descenso do 8 % con respecto aos 33,6 do 2009, a primeira porcentaxe negativa nunha liña á alza dende o ano 2000. Ademais, o emprego tamén se resentiu, cunha redución tanto de postos directos (42 empregos) como de colaboradores externos.
Dos 2.115 títulos publicados, un 74 % foron en galego (1.556 obras), un 24,6 % en castelán (520) e un 1,4% noutras linguas (27). A esas 1.556 referencias en galego hai que engadir outras 462 na mesma lingua que foron editadas fóra da comunidade, con 320 procedentes de Madrid e 139 de Cataluña. En total, son 2.028 títulos en galego, unha subida do 22 %.
Dentro destes títulos, a literatura representou un 21 %, facturando algo máis de 5 millóns, un 16 % do mercado. A literatura para rapaces subiu tanto en títulos como en facturación.