«Historia e lingua teñen que camiñar xuntas, e máis en Galicia», apunta
01 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Pegerto Saavedra incorporarase en breve como novo membro da Real Academia Galega. Historiador especializado nos séculos XVIII e XIX en Galicia, é catedrático de Historia na Universidade de Santiago.
-¿Como definiría a relación entre lingua e historia?
-Desde a fundación da Academia foi habitual que os historiadores formasen parte dela, e eu fun elixido precisamente para ocupar a vacante producida polo falecemento do xeógrafo e historiador Francisco Río Barja, de quen tiven ocasión de aprender moitas cousas. No tocante ás relacións entre lingua e historia, hai que dicir que son disciplinas que teñen que camiñar xuntas (lingua e historia son atributos dos humanos) e máis no caso de Galicia: a historia explica o nacemento e traxectoria da lingua desde o século XIII ata hoxe, e ao mesmo tempo a lingua, escrita e falada, constitúe un capítulo fundamental da nosa historia.
-¿Como encara o seu traballo como académico?
-Eu son un historiador dedicado ao estudo dos séculos XVI-XIX. A Academia ten unha sección de Historia e conta xa con historiadores (os profesores Xosé Ramón Barreiro e Ramón Villares) aos que considero mestres, porque verdadeiramente o son. Eu tratarei de facer aquelas tarefas que se me encomenden no ámbito da miña especialidade, como poden ser investigacións sobre a onomástica, sobre o uso do galego e en xeral sobre os diversos problemas que presenta a cultura galega nos «séculos escuros». E por suposto, apoiarei, na medida das miñas posibilidades, á Academia no cumprimento de todas as súas finalidades, pois o galego, e polo tanto a nosa cultura, atravesa unha situación moi difícil e que aínda pode ir a peor. Todo o que se faga é pouco.
-¿Como cre que é valorada a historia na sociedade contemporánea?
-Todas as sociedades van cambiando, pero na actualidade os cambios prodúcense a moita velocidade e as novas tecnoloxías representan novas formas de acceder á información e de elaborala. Nunha sociedade urbanizada e tecnificada, ateigada de noticias, muda a percepción do pasado, que en ocasións se considera innecesario ou intranscendente. Pero ao mesmo tempo, a globalización obriga a moitas persoas a situarse, a identificarse cunha cultura, a buscar referentes, de modo que por este camiño pode valorarse o pasado, sexa o inmediato ou o remoto. O interese que esperta o patrimonio cultural na actualidade é debido, en parte, a esta situación de inestabilidade individual e comunitaria. Hai que ter en conta tamén que os debates políticos arredor da articulación territorial do Estado, das identidades, provocan un evidente interese pola historia, ou por certos feitos, procesos e épocas. Penso, de calquera xeito, que sería moi aconsellable unha mellor formación histórica e en xeral nas humanidades.
-Ten estudado o desenvolvemento industrial da Galicia do XVIII. ¿A Galicia que non chega á industria ata o século XX é unha deformación da realidade?
-O tempo é progreso, aínda que a situación actual amósanos o contrario. A fins do XVIII Galicia tiña importante sectores industriais, algúns deles punteiros. Producíanse cantidades enormes de lenzos para mercados externos; funcionaban varias ferrerías, a fábrica de Sargadelos e os arsenais de Ferrol; as fábricas de coiros estábanse a multiplicar e tamén se ía renovando a economía pesqueira. Por causas diversas, ben estudadas polo profesor Xoán Carmona, só o sector pesqueiro se modernizou; os lenzos, o ferro e os coiros desapareceron. De modo que a revolución industrial chegou a Galicia da man do peixe, e neste ámbito no noso país foi unha potencia mundial. Resulta patente que Galicia ten un pasado industrial; tivo empresas e empresarios punteiros na súa época, en particular no sector das conservas. Polo tanto é unha deformación da realidade pensar que aquí só había labregos e vacas... No imaxinario colectivo esta idea falsa está moi enraízada.