«Cada tempo fai a súa reactualización dos mitos»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor publica un dicionario no que conviven meigas e mouros, santos e magos e outros seres de lenda

02 nov 2011 . Actualizado a las 17:27 h.

Vítor Vaqueiro (Vigo, 1948) vén de publicar en Galaxia Mitoloxía de Galiza, un libro que amplía considerablemente a Guía da Galiza máxica que aparecera en 1998 e que se presenta agora en forma de dicionario: entre o abantuxo -mal de aire provocado polo sangue menstrual- e o zarronco -un ser cuxa misión é meter medo aos pequenos- conviven meigas e mouros, santos e magos, animais de lenda ou dos montes e pedras e fontes marabillosas.

-Este conxunto de lendas e tradicións ¿que di de como os galegos interpretaron o mundo?

-É unha pregunta de difícil resposta, habería que facer unha sistematización e clasificación das lendas. Pero igual que no refraneiro hai xustificacións para unha cousa e o seu contrario, como que o paisano se alegra da choiva ou a maldí, é certo que podemos falar dun certo carácter pragmático: iso de Deus é bo pero o Diaño non é malo, e que remite a un carácter pactista, aínda que, xa digo, todo isto con moitas matizacións.

-Dende fóra hai unha percepción de Galicia como país rico en mitos: aí están, dende antigo, Fisterra ou o río do esquecemento para os romanos...

-Aí hai que diferenciar entre a interpretación procedente do mundo clásico e a que se fai a partir do século XVI, que son moi distintas. A primeira é máis sincera, con todos os seus prexuízos. Despois deuse unha concreción do ser galego ideoloxicamente intereseira, e o máis triste é que foi feita dende a intelectualidade, xente como Góngora, Quevedo, Gracián, que dan unha visión estereotipada do galego. Resumindo moito, esta teoría ve aos galegos como parvos e ás galegas como prostitutas. Na época antiga, creo que o elemento decisivo era a propia situación de Galicia como fisterra, no territorio dos límites: debeu de ser moi grande a conmoción dos romanos ao ver como desaparecía o sol no océano.

-O libro tamén evidencia a dificultade de deslindar relixión de mitoloxía.

-Aquí o cristianismo asentouse sobre un substrato precristián, celta ou castrexo ou como queiramos chamarlle. Inicialmente a Igrexa tratou de arramplar con todo o anterior, pero era difícil, eran crenzas moi arraigadas. Tamén axudou que o corpus relixioso que traían non era extremadamente superior, porque non ofrecían unha explicación científica, senón que no fondo era ofrecer unha mitoloxía a cambio doutra. Así que a Igrexa foi cristianizando eses elementos e lugares, erguendo capelas en montes ou lugares de culto ás augas, nun proceso que lembra ao que aconteceu despois coa santería de Cuba ou en Brasil. No fondo, a diferenza entre mitoloxía e relixión é que esta última acadou o poder social. O sorprendente é como moitas desas manifestacións seguen vixentes e nelas cren e as practican xente nova. Eu escoitei a lenda de Santa Mariña de Augas Santas en boca dunha muller de 42 anos, totalmente convencida.

-¿Daquela cada xeración vai adaptando aos seus tempos mitos que en realidade proveñen de moi antigo?

-É moi interesante ver como se vai facendo unha reactualización do mito. En Friol, na parroquia de Cotá, se despachaban escritos para a protección do gando e cousas importantes como os carros de bois. Xa non hai carros de bois, pero fanse escritos para o tractor. E mesmo para levar no coche, igual que quen leva ao San Cristovo, lévase este San Cristovo autóctono.

vítor vaqueiro autor de «mitoloxía de galiza»

«Antes facíanse escritos para protexer o carro de bois e agora fanse para os tractores»