Os Cempés volven para cumprir vinte anos con máis folk e festa

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O grupo ultima a gravación dun disco «moi elaborado e con sorpresas»

21 nov 2011 . Actualizado a las 10:17 h.

Andaban a outra cousa, pero un día subíronse a un escenario outra vez e decidiron que aínda quedaba moita festa que dar. Os Cempés están de volta para facer un novo disco e «o que veña». Sen présa, sen pausa, e cun financiamento digno dos tempos: con aportacións voluntarias.

Antón Varela apunta algunhas das variacións que terá o novo disco de Os Cempés que podería saír para marzo. «Vai haber un pouco de todo, pero non imos perder a gana de provocar a festa». Varela explica que quizais se deixen sentir algúns cambios porque «a liña de atrás que temos agora é menos rockeira da que tiñamos antes». Refírese á metade de banda que agora vai quedar como percusión, cordas e saxo, onde antes había batería e baixo. Admite que o son «vai ser agora un pouco máis folkie» pero non lle dá moita a importancia a estes cambios porque considera que nunca tivemos «moito respecto polas fórmulas, sempre estivemos cambiando».

As previsións da banda son poñerse a gravar o disco en canto empece o ano próximo, completar as gravacións e as mesturas en dous meses aproximadamente e que o disco estea listo para distribución no mes de marzo do 2012. Agora están no proceso de ensaios, un proceso complexo porque, explica, «somos moitos e temos que andar quedando domingos e días así». Explica Antón Varela que esa dificultade tamén a teñen para a gravación do disco porque a intención é «gravar todos xuntos». Adianta que contarán con moitas colaboracións e que iso complica un pouco máis a produción do disco, pero cre que é «un proxecto fantástico». No repertorio previsto xa está claro que entrará «o pasodobre Lugo-Ferrol ao que lle tiñamos ganas desde hai tempo».