Xosé Carlos Caneiro: «A literatura existe porque primeiro foi poesía cantada»

CULTURA
Un libro-disco recolle a música de Emilio Rúa sobre os versos do escritor.
21 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Despois de ti, a chuvia é o título do libro publicado por Galaxia que recolle 22 poemas de Xosé Carlos Caneiro xunto cun disco no que Emilio Rúa pon música a eses mesmos versos. Trátase dun traballo no que o escritor de Verín se reivindica como poeta, aínda que onte mesmo presentou en Ourense outro traballo, El libro de los besos y la niebla (Alvarellos), unha escolma do seu labor como articulista en La Voz de Galicia.
-Neste libro reivindícase como poeta fronte aos que o sitúan só como prosista.
-É que eu son poeta. Os meus inicios na literatura foron na poesía. Levo, ademais, 25 anos facendo recitais poéticos en todo o país, en España e en Europa, mesmo en América. Eu síntome poeta, outra cousa é como me vexan os críticos literarios.
-E tamén reivindica a poesía como música.
-A poesía é música, ambas as dúas comparten a emoción como compoñente esencial. E a poesía é a orixe da literatura, que existe porque primeiro foi poesía, recitada e cantada. Non se pode obviar ese carácter esencial, porque o que estaríamos facendo é reducir a literatura a unha forma máis de ocio, e debe ser algo máis.
-Vostede xa fixera un disco, De bar en bar, no que recitaba os seus poemas sobre música...
-É un traballo diferente a este. Aquí hai composicións de Emilio Rúa, cheas de sensibilidade e emotividade. O mellor que ten é a súa achega. Eu sempre fago autocrítica, e gustaríame que algúns versos fosen mellores, máis traballados, para que chegasen dun xeito mellor ao corazón da xente.
-¿Como xurdiu e se desenvolveu a súa colaboración?
-Hai moito traballo detrás de Despois de ti, a chuvia. Comezamos hai un ano, no Nadal do 2010. Emilio quería unhas letras miñas e eu faleille dos poemas e unha cousa foi levando á outra.
-Onte presentou un libro de artigos, nos que practica unha dobre liña, os políticos no sentido máis amplo, e os literarios.
-Eu engadiría unha terceira, a dos que proveñen de lecturas, e aparecen no suplemento Culturas. Síntome moi cómodo nos tres ámbitos, pero creo que o artigo literario, no que un pode mergullarse no mundo da emoción e os sentimentos, non se debe esquecer nos xornais, porque se non corremos o risco de falar só dos temas de actualidade.
xosé carlos caneiro escritor
«Creo que o artigo de carácter literario non se debe esquecer nos periódicos»