Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Seguro a todo risco para unha obra sen igual

La Voz

CULTURA

24 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Xunta de Galicia acaba de inaugurar un modelo ao facer de toda a obra de Castelao ben de interese cultural (BIC) de carácter inmaterial. O primeiro deste tipo que declara o Goberno autónomo.

¿Por que a obra de Castelao?

A Xunta valora a achega de Castelao como «determinante» para a recuperación da lingua e da cultura galega. Tamén xustifica esta decisión no traballo do rianxeiro en favor «dos dereitos e do feito diferencial dos galegos».

¿Para que serve esta declaración?

Que a obra integral de Castealo sexa BIC inmaterial, servirá en primeiro lugar para protexer, pero a medida permitirá a difusión e a promoción da mesma facilitando o seu coñecemento entre os máis novos. A medida favorecerá, segundo esta declaración, a investigación do conxunto da súa obra.

¿Que supón esta distinción?

Segundo o conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña, ademais do recoñecemento pola importancia da súa obra, a declaración de BIC posibilitará que a «Administración poida intervir en casos de uso incorrecto da súa obra». Sinala o conselleiro que, «cando sexa utilizada para fins que non sexan correctos, teremos unha ferramenta de intervención». Por outra banda, o conselleiro explica tamén que esta declaración ten que ser entendida como unha distinción para «unha obra sen igual».

¿Que institucións avalaron este BIC?

Antes da aprobación do BIC, a Xunta solicitou informes a tres organismos diferentes tendo en conta a amplitude e variedade da obra. Os informes positivos para esta declaración son os da Real Academia Galega de Belas Artes, do Consello da Cultura Galega e mais da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago.