A actividade universitaria de verán na provincia está do máis interesante neste xullo. En Xinzo celébrase desde onte ata mañá un curso centrado na figura de Hidacio da Limia, bispo de Chaves. O profesor César Candelas Colodrón deu a primeira aproximación a Hidacio. «Sábese pouco da súa vida, naceu na Limia, posiblemente no que hoxe é Xinzo, entre os anos 391 e 400; viaxou a Terra Santa onde debeu coñecer a varios pais da Igrexa». No ano 416 iniciou a carreira relixiosa chegando a ser bispo de Chaves por uns corenta anos. Foi parte dun tribunal relixioso en Astorga contra a secta maniquea. «Hidacio foi antipriscilianista e antiarriano e iso foi tido en conta polo bispo de Astorga, Toribio, para chamalo e estar naquel tribunal. Contou César Candelas que Hidacio foi un líder político local e, por suposto, un cronista. «Foi un líder na súa comunidade dirixiu os destinos territoriais de Chaves e defendeu ese territorio durante corenta anos fronte á ameaza sueva por vía diplomática». O poñente engadiu que este bispo foi un político hábil, «forte, ben posicionado con capacidade de negociar cun inimigo superior. Foi ver a Aecio, emperador in pectore. Asumiu a representación da Gallaecia, iso significa que Hidacio tiña unha boa consideración».
O seu Cronicón , di o experto, reflicte que o autor é un home culto polo léxico, o fraseo, as citas e a retórica. «Dominaba a linguaxe escrita e sabía como e cando usala». Ese texto conta a historia dende o ano 379 ata o 468. Recolle uns 250 rexistros sobre os máis variados asuntos, incluída a astronomía cunha precisión que deixa ver que non era un supersticioso. O cronicón amosa o fin do mundo romano e a chegada dos suevos Hidacio pertence a unha época, como di José Eduardo López Pereira, do espertar cultural de Galicia. Aquela Gallaecia que non era un lugar apartado como se puidera pensar. «Na Gallaecia de remates do século IV e principios do V os xoves inquedos podían acadar unha preparación de alto nivel», di César Candelas.