Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Manuel Candal apoia a Quintana porque Vicepresidencia financia Valdegodos; é só por cartos»

OURENSE

25 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Representa, por definición, as antípodas dos ideais de Manuel Candal; máis desde a súa chegada ao salón de plenos de Vilamartín o nacionalista Xosé Antón Rodríguez (e o partido ao que representa) non recibe máis que boas palabras do alcalde. Di que o seu segredo está na «educación democrática, antes había a idea de que había de discutir con el, e non é así», ao tempo que lle resta importancia ás declaracións de Candal neste senso, «porque o PP se está desmantelando e el simplemente solta lazos buscando quen llos colla».

-Curioso, canto menos, que pida Candal o voto para o BNG.

-Eso de que apoia a nosa candidatura... É unha decisión que toma el, que non é tan complicada de entender: cando se desmonta un réxime hai que buscarse a vida.

-¿Non confía pois nese cambio cara a esquerda?

-(Ri). O seu negocio son as residencias. ¿Quen as financia?

-Mais Candal só ten boas palabras para a xestión de Anxo Quintana.

-Manuel Candal apoia a Quintana porque Vicepresidencia financia Valdegodos; é só por cartos. Se realmente estivera de acordo cedería Valdegodos ao sistema público de asistencia sanitaria.

-¿Beneficiará a campaña de Candal a Quintana?

-Nin entro a valoralo. É un capítulo máis do esperpento no que vivimos. Está a mal cos seus e di isto, pero non lle dou máis importancia. É para a comidilla... Nada máis.

-Nas próximas vai na lista que lle dé máis garantías, dixo. ¿Será con vostedes?

-Non. Comigo polo menos non. Pero iso, como non será...

-¿Cre que repetirá candidatura?

-Tampouco me sorprendería. Está na fase de que pode facer o que lle dé a gaña. É como o final do Réxime, no que as faccións internas están buscando un posicionamento. Xa pasou na Transición. E aquí estámola vivindo agora, salvando as distancias democráticas.

-¿Haberá cambio entón?

-Cremos que si. Pero agora estamos máis preocupados na etapa de transición. O máis importante agora son os tres anos que quedan por diante. Hai que ensinarlle á xente a unirse en asociacións, e traballar así para resolver os grandes problemas.

-¿Recollerá o novo goberno as súas propostas?

-Forzan a situación e non din nin mú. Ese é o goberno que vamos ter estes tres anos. Solicitei ao alcalde que si o que lle preocupa é o futuro de Vilamartín, o que tiña que facer era disolver a comisión de goberno para devolverlle as competencias ao pleno. Pero diso non fai nada.