O Pen Clube concede o seu premio anual ao historiador Marcos Valcárcel polo seu compromiso con Galicia
OURENSE CIUDAD
O Pen Clube de Galicia decidiu concederlle o premio Pen de Galicia 2009 ao historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel. O Pen Clube de Galicia concede todos os anos os seus premios e, entre eles figura un «destinado a unha personalidade da literatura galega que teña destacado na defensa dos dereitos de expresión e de opinión recollidos na carta fundacional do International P.E.N.».
O xurado que decidiu a concensión do Pen Galicia 2009 estivo integrado por Luís González Tosar, presidente do PEN Clube de Galicia, Gonzalo Navaza Blanco (secretario) e por María do Camiño Noia Campos, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Xesús Fraga e Xabier Castro Martínez -este último exercendo de secretario, con voz pero sen voto-. Segundo se recolle na acta da xuntanza, o xurado determinou, logo de examinadas as candidaturas presentadas a esta cuarta edición dos premios, «por unanimidade concederlle o Premio PEN 2009 ao escritor e historiador Marcos Valcárcel pola súa defensa da liberdade de expresión e de opinión a través do blogue As uvas na solaina».
Defensa da língua e literatura
Ademais, o xurado tivo en conta o traballo «desenvolto polo galardoado, na cidade de Ourense e en toda Galicia, a prol dunha maior promoción e difusión da literatura galega. Neste senso, os membros do xurado queren salientar que a figura do profesor Marcos Valcárcel constitúe un exemplo de compromiso coas letras galegas e moi especialmente na proxección e difusión exterior dos autores ourensáns».
O escritor e historiador ourensán forma parte do PEN Clube de Galicia dende o ano 2003 e dentro desde colectivo «dende a súa incorporación, ten encabezado numerosas actividades que honran á nosa lingua e á nosa literatura».
O premio que otorga o PEN Clube de Galicia, que preside o escritor e profesor Luís González Tosar, non ten dotación económica e consiste nunha peza artística que ten un carácter único e irrepetible, para o cal se conta sempre coa colaboración dun artista galego. Aínda que non está fixada a data, está previsto que o PEN Clube de Galicia faga entrega do galardón en Santiago de Compostela, «coincidindo, a poder ser, coa presentación do libro de homenaxe que os amigos de Marcos Valcárcel están elaborando». Bernardino Graña, Úrsula Heinze, Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo foron os anteriores galardoados polo PEN.