«Asusta un pouco pero o xaponés non é tan difícil, só se necesita constancia para aprendelo»
OURENSE
A obra do popular novelista xaponés Haruki Murakami pódese ler en galego grazas á tradución de Gabriel Álvarez Martínez, un mozo carballiñés, licenciado en Interpretación e Tradución, inglés e francés.
-¿De onde lle vén a súa afección pola lingua xaponesa?
-Vén dos tempos da Banda Deseñada que me afeccionei ao manga e despois como me encantan os idiomas, atopei un libro para aprender xaponés e empecei a estudalo pola miña conta. Despois xa máis en serio, cando estiven cunha Erasmus en Bélxica, había cursos de xaponés e fíxenos e tamén fixen amigos dese país.
-¿Cal foi a súa primeira tradución do xaponés ao galego?
-Na Universidade de Vigo onde gañei o cuarto Concurso Literario de Traducións. Premio 2007 de relato, poesía e tradución. Foi Rashomon , un relato de Ryunosuke Akutagawa, por medio do cal púxenme en contacto con Mona Imai, unha moza xaponés coa que fixen as dúas traducións de obras de Murakami, Tras do solpor e Do que estou a falar cando falo de correr , para a Editorial Galaxia. Traducimos tamén xuntos un ensaio moi breve, que aínda non se publicou, para Rinoceronte Editora.
-¿Como é a súa dinámica de traballo á hora de traducir?
-Leva bastante tempo. Nós dividimos o libro en dúas partes e cada un traduce a súa. Despois cada un corrixe e revisa a parte do outro para finalmente darlle coherencia.
-¿É moi difícil o xaponés?
-É totalmente diferente aínda que a pronuncia non é tan complicada como pode parecer. A escritura si que é bastante diferente e a estrutura sintáctica, tamén, o verbo por exemplo vai sempre ao final e lese de arriba a abaixo e de dereita a esquerda e sen separación entre as palabras. Asusta un pouco pero o xaponés non é tan difícil, só se necesita constancia para aprendelo, aínda que din que é necesario, para coñecelo ben, identificar tres e mil pico ideogramas.
-¿É o idioma que máis lle gusta?
-Si, é o que máis me atrae por que é o máis exótico, aínda que me encantan todos os idiomas, tamén o inglés e francés.
-¿Que proxectos de futuro ten agora?
-De momento non teño nada aínda que supoño que cando salga a nova novela de Murakami, que en Xapón se publicará en maio, pasaránnola para facer.
-Supoño que tamén ten pendente unha viaxe a Xapón.
-Si, gustaríame ir este ano ou o que vén para traballar e estudar. Estou pendente das bolsas de traballo para ir.