Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Aquí faise máis política de reparto, que todo o mundo estea contento»

OURENSE

Catedrático en Compostela, reivindica unha Universidade que selecione ao seu profesorado atendendo á súa capacidade e motivación

17 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A investigación, di José Luis Mascareñas, premio nacional de Química orgánica da Real Sociedad Española de Química, é como pescar troitas: «A satisfación que produce facer investigación cas túas propias ideas é a mesma que cando pescas unha troita cunha mosca que fixeches ti na casa. Ti diseñas a mosca para coller tal troita en tal sitio».

De troitas e de investigación amorea coñecemento a esgalla este catedrático da Universidade de Santiago, nacido en 1961, que atesoura a herdanza humana e intelectual do seu pai e do seu pobo, Allariz.

-O meu pai xogou un papel clave; el era o intelecto e a cultura; a miña nai é o dinamismo, a inquedanza... Eu teño un pouco esa combinación pero o meu pai influiume moitísimo. De neno sempre me gustou experimentar, a ver que pasaba; gustábame facer experimentos pero non tiña a perspectiva de ser científico. O que si tiña claro é que tiña que facer algo creativo, tiña que aportar eu. Se non, non me sentiría satisfeito.

-O premio que vén de recibir recoñece a traxectoria investigadora dos últimos 5 anos pero vostede é tamén profesor e conferenciante. ¿Que faceta escolle?

-Quédome co labor creativo porque o máis bonito de cada investigación é a posibilidade de crear; a investigación é unha forma de arte, ti fas os teus deseños e as túas hipóteses e tes a posibilidade de comprobalas, non é filosofía virtual. O problema está en que para facer iso necesitas estar ó día en todo e o esforzo de formación continua, de ver moitísima bibliografía todos os días, é inmenso pero tes que ser consciente de en que estás traballando e saber se o que fas ten importancia ou non; é o labor máis importante que ten un director de investigación, estar totalmente ó día, porque non vas utilizar o tempo dun becario en algo que non ten importancia. Dar clases quítame tempo da investigación pero gústame.

-¿Deben separarse docencia e investigación?

-Eu non o vexo así. A Universidade ten que xerar coñecemento e transmitilo e iso faise a través dun continuum , non hai separación. Eu chamaríalle formación e descubrimento. A formación faise a través da docencia e a investigación; o descubrimento é a xeración de novo coñecemento. A función da universidade é xerar novo coñecemento e transmitilo pero para xerar ese coñecemento tes que traballar cos estudantes e nese traballo vai o labor de formación e investigación, que leva ó descubrimento. O problema ca universidade é que se perde na política.

-¿Na política de partidos?

-Utilízase a universidade para moitas cousas en lugar da principal función, que é o coñecemento, cando tiña que ser o motor da sociedade. Se un mira as mellores universidades do mundo, arredor tense xerado un nivel de progreso enorme porque o coñecemento que se xera nas universidades tira de todo o avance tecnolóxico ao seu arredor. Se as universidades galegas fosen de gran nivel, a sociedade galega sería máis desenvolvida.

-¿Que falta?

-Falta ter moito coidado ca seleción do profesorado; das poucas cousas que se poden admirar dos Estados Unidos son as universidades porque esas si que as teñen ben. Cando contratan a un profesor, fíxanse ben a quen contratan porque se están xogando o seu prestixio. A persoa que ten unha responsabilidade tan grande como educar ou investigar ten que ser ben selecionado, con capacidade e moi motivado. Aquí ándase sempre co tema das leis e dos plans de estudos e nunca se toca o tema clave, que é o profesorado, que ten que ser xente que xenere e non todo o mundo vale para xenerar. A súa función é exponencial porque arredor del xiran estudiantes que, á súa vez, van transmitir iso, vaise expandindo coñecemento de alto nivel e iso repercute no progreso científico da sociedade e, á larga, no benestar social.

-¿Tan negativa é a realidade?

-Aínda que se podían facer moito mellor as cousas, é certo que hai neste momento unha porcentaxe importante de xente de alto nivel, pero necesita un pouco de motivación. Os sistemas son moi diferentes ós europeos e americanos; nós temos o que temos, unha universidade onde as maiorías son moi importantes, que está ben, pero non para determinadas cousas. Se se quere que funcionen como deben, con xeración de coñecemento e transmisión de cultura, hai que selecionar o mellor profesorado e darlle condicións para que traballe adecuadamente, darlle pan a quen ten dentes; o que non se pode é repartir. Os americanos selecionan moi ben e din: se che damos isto, demostra o que sabes facer, dámosche para que o demostres. Aquí faise máis política de reparto, que todo o mundo estea contento, os dereitos están moi por encima das responsabilidades.

-Foi pioneiro na introdución en España de investigacións entre química, bioloxía e medicina, ¿é ese o camiño?

-Ata non fai moito bioloxía e medicina eran patrimonio de biólogos e médicos, parecía que os químicos non podían facer nada. Pero nos últimos 30 anos tense progresado moito en entender as bases moleculares do funcionamento da célula; a célula está chea de moléculas e de moléculas é do que entendemos os químicos. Os químicos o que sabemos é deseñar, preparar e manipular moléculas, entón xa nos podemos meter a traballar cas moléculas da vida, ADN, proteínas e todas estas.