Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Marcos Valcárcel, unha mente creadora que fixo país

Jesús Manuel García OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

A sociedade ourensá lamenta a perda de Marcos Valcárcel ó que considera un dinamizador da cultura galega

07 dic 2010 . Actualizado a las 13:02 h.

O pasamento de Marcos Valcárcel é considerado como unha perda grande para a cultura de Galicia. Representantes de diversos sectores e institucións subliñan a marcha dun referente importante. O escritor e xefe superior de Policía de Galicia, Luis García Mañá, sinala que Marcos «é entrañable, forma parte de Ourense e fixo cidade, provincia, fixo Galicia. Por el sinto afecto e dáme mágoa o seu pasamento». O presidente do Liceo, José Carlos Martínez-Pedrayo, sente «gran dor. Marcos era socio de honra do Liceo e director da sección de Literatura. Foi un dinamizador do mundo literario desde o Liceo. Non o imos esquecer», manifestou.

Para o presidente da Deputación, José Luis Baltar, Valcárcel foi «un dinamizador da cultura, estaba en todo, con ideas novas e facía que a cultura ourensá e galega estivera efervescente. A colaboración coa Deputación foi extraordinaria. A cultura está de loito». Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense, fala dunha «perda grande para todos os ourensáns, a dun estudoso da historia. É unha tristura inmensa que desaparecera tan cedo».

Segundo o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, a mellor homenaxe é estudar a riqueza cultural galega «e o legado dos grandes persoeiros, entre os que Marcos Valcárcel xa se atopa por dereito propio». María do Carmo Henríquez foi mestra de Marcos: «Era un alumno brillante. Ourense está moi escasa de mentes como a de Marcos Valcárcel, limpa, coherente, xenerosa e difícil de reemprazar». O presidente do Ateneo, Xosé A. Fidalgo, está «abraiado pola perda da meirande parte dos creadores e non hai unha xeración nova co pulo destas persoas». No Liceo haberá hoxe un acto ás 18.00 horas.