Chámanlle o catedrático de Armea. É dos últimos que saben e coñecen ben o seu territorio. Garda a lenda e as tradicións de Armea. Ten máis de 70 anos e disfruta no seu entorno.
-¿Como atopou estes vestixios?
-Viñen buscar un marco nesta dirección e resulta que vin algo no chan que me chamou a atención, entón rebusquei e rebusquei e atopei unha pedra corrida que semellaba un banco, e logo despois removín o chan un pouco máis arriba porque intuín que tería que haber algo. E atopei unha escaleira de pedra e despois achei o que parecía o respaldo do banco. Comecei a limpar todo e apareceu todo o que vostede ve. Non limpei máis porque non podía xa.
-Pois é ben curioso o que achou.
-Cando viñen para aquí e vin isto xa non me acordaba de volver para a miña casa. Eu levantei esta alfombra de terra e herbas e vin isto.
-Vexo que está vostede moi ilusionado, Manuel.
-Isto deume a vida e pódolle dicir que me sentín despexado completamente, como se fora novo. A miña muller chamábame desde a casa para que fora xantar e eu non lle ía, eu estaba abraiado co que acababa de atopar. Nunca disfrutei tanto na miña vida.
-¿Vostede patea o monte?
-Eu miro desde sempre e como por aquí paso moitas veces, dedícome a estar atento e mirar se vexo algo que me chame a atención. Poucas veces se me escapa algunha cousa, pero agora teño menos poder que antes. Nesta zona, cando eu araba a terra, aparecían restos de cerámica, agora non porque non se ara e todo está moi fondo. Por aí ten que haber moita cousa pero nesta parte que estamos vendo eu non contaba que houbera isto.