Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Penso que as formas da Xunta non foron as máis axeitadas»

La Voz

OURENSE

10 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Encarnación Fernández leva 16 anos como directiva, 9 como xefa de estudos e 7 como directora. Atópase moi preocupada polo que está pasando.

-¿Vostede xa sabía algo?

-Colleunos moi de súpeto porque sen previo aviso convocáronme a unha xuntanza para ir a Santiago o martes, onde se me comunicou que o IES Portovello vai ser un centro integral de FP e que a nosa secundaria e bacharelato pecharano e trasladarán aos nosos alumnos ao IES As Lagoas.

-¿Que sensación ten?

-A convocatoria non foi axeitada. Mentres estabamos reunidos en Santiago saíu publicada a nota pola consellería. Teño compañeiros aos que non me deu tempo de avisar e enteráronse polos medios. E o mesmo cos alumnos. Como directora penso que as formas da Xunta non foron as máis axeitadas. Aos directores non nos trataron ben porque os compañeiros poden pensar que algúns estábamos ocultando información. O tema, a consellería, non o levou ben.

-E agora están en loita.

-Loitando por seguir no IES Portovello. Os alumnos que empezaron aquí primeiro de bacharelato consideran que non é o momento axeitado para marchar e queren facer aquí o segundo curso. Para os rapaces sería xusto. Ademais temos o bacharelato musical único na provincia.

-¿Cantos docentes son aquí?

-En total, 61 en dous edificios.

-¿Que é o que pretende a Xunta?

-Ampliar as familias da FP con 50 prazas dun ciclo formativo de educación infantil a distancia neste centro. O edificio de ciclos de FP ten pouco espazo e hai moito alumnado. Xa hai tempo que viñamos loitando por amplialo. A Xunta opta por baleiralo e meter a FP neste do IES. Nun futuro supoño que ampliarán os ciclos formativos de FP e nada máis. O outro edificio mantense tamén como centro de FP. O desaparecer a secundaria e bacharelato todo se ocuparía con FP nos dous edificios.

-¿Cantos alumnos teñen?

-Unhos 150 en bacharelato e en secundaria non chegan a cen.

-A Xunta di que son poucos.

-En bacharelato temos as aulas cheas e había previsión de aumento para os vindeiros cursos. Eu creo que o motivo non foi polo número de alumnos. A Xunta quere un centro de referencia de FP en Ourense e elixiron este. Que está moi ben pero hai unha parte que estamos afectados.

-¿Como lles afecta a vostedes?

-A mitade do claustro tense que trasladar, eu tamén. As materias que damos deixanse de impartir. Iremos ao IES As Lagoas e dependendo das prazas teremos que ir a outros centros da cidade. Hai algúns profesores provisionais.