Ourense acolle o Arquivo Literario de Alonso Montero

Xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O legado súmase aos que xa están na Deputación de Blanco Amor, Vilanova, Ben Cho Shey e as irmáns Vázquez

14 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Biblioteca da Deputación de Ourense acolle dende hai dous meses o ALXAM (Arquivo Literario de Xesús Alonso Montero). A negociación entre o académico e o presidente da institución ourensana, José Luis Baltar, desenvolveuse nos últimos meses e onte foi dado a coñecer publicamente o acordo.

Alonso Montero agradeceu a sensibilidade amosada pola institución ourensá e dixo que «a Deputación de Ourense é o mellor destino para o meu arquivo porque a súa biblioteca acolle os mellores arquivos literarios de Galicia, que non os ten nen a biblioteca da Universidade de Compostela da que eu fun profesor, como son os de Eduardo Blanco Amor, Alberto Vilanova, as irmáns Pura e Dora Vázquez e Ben Cho Shey. Gústame estar na compaña destes homes e mulleres aos que admirei e fun amigo, aínda que eu sexa máis novo».

Falta de sensibilidade en Lugo

Montero, que foi profesor en Lugo durante 16 anos, negociou primeiro coa Deputación de Lugo, aínda que esta institución amosou «unha total falta de sensibilidade», ademáis de detectar «unha certa incultura do seu presidente, que non sabía nada de min». Aínda que se chegaron a celebrar varias xuntanzas logo os representantes da institución amosaron «unha total falta de consideración porque cando tentei falar con eles non se me poñían ao teléfono».

No legado de Alonso Montero figuran 15 obras súas inéditas, entre elas a súa tese de doutoramento sobre Curros, poemarios inéditos de Darío Xohán Cabana -«que me diu a súa primeira obra cando era o seu profesor de Literatura en 6º de Bacharelato»- e Novoneyra -«entregoume o seu primeiro poemario, Abrojos, en 1948 cando coincidimos como estudantes en Madrid»-, obras de arte de Quessada, Castelao, Seoane ou Díaz Pardo, correspondencia -que vai de Otero Pedrayo a Lázaro Carreter-, fotografías, libros adicados e outros materiais. O legado inclúe «15 ou 20.000 folios inéditos».

Catálogo dos fondos

Baltar amosouse «moi satisfeito polo acordo acadado», na rolda de prensa non se falou da cantidade na que se pechou a dación do arquivo, e dixo que para a institución «é un orgullo contar con este material».