O escritor e crítico de cine Miguel Anxo Fernández presentou onte a terceira edición da súa novela Lume de cobiza en Ourense, na galería Sargadelos, e fixoo na compaña de Ángel de la Cruz, o realizador que levará ao cine a obra literaria do escritor carballiñés. A presentación centrouse nun diálogo entre o autor e o director de cine, e co público asistente.
Miguel Anxo Fernández amosouse gratamente sorprendido porque a cuarta entrega das andanzas de Frank Soutelo vaia pola terceira edición en só seis meses e situou a explicación desta demanda «en que é unha obra que se le de forma moi áxil, sinxela e amena e porque o xénero policial está de moda actualmente en Galicia e conta cunha importante demanda por parte dos lectores». Outra circunstancia na que o escritor cre ver a explicación da boa acollida «está no feito de que esta é a primeira novela de Frank Soutelo que se desenvolve en Galicia, que percorre moitas vilas e cidades ao longo da trama da novela e que incide nun aspecto social importante como é o da concienciación social que existe contra os lumes».
Na conversa Ángel de la Cruz, que mercou no seu día os dereitos para levar Lume de cobiza ao cine, adiantou que o proxecto xa está bastanta avanzado e que a produción levarase a cabo durante o vindeiro ano, coa previsión de comezar a rodaxe ao longo do ano 2013. A previsión inicial do realizador pasaría por facer unha película sobre a obra e dárlle continuidade cunha serie para televisión, de nove entregas, que recollería aventuras de Frank Soutelo en diferentes vilas e cidades da comunidade autónoma galega.