Isaac Díaz Pardo visitou onte a décima edición do Curso Internacional de Cerámica Contemporánea. Durante este contacto coas novas xeracións de ceramistas aproveitou para reivindicar Sargadelos como precursor desta disciplina artística.
«Quen empezou con isto foi Sargadelos no 72, facendo unhas experiencias e uns encontros -asegura-. De feito, o nome de Sargadelos ten moita importancia dentro da cerámica galega. Logo houbo moitos copións».
Falar de Sargadelos é falar dunha parte da cultura galega. Esta empresa está vinculada non só ao mundo da cerámica, senón tamén á recuperación do legado histórico e cultural onde Díaz Pardo está fortemente implicado.
Este intelectual recalcou a importancia das ideas non só no que se refiere á cerámica en sí, senón tamén no mundo do deseño ou da arquitectura. «Estamos nun tempo no que a industria do coñecemento é o máis importante que hai».
Cando se lle preguntou acerca da posibilidade de vivir hoxe en día da cerámica a súa resposta foi clara. «Nós vivimos moi ben, pero vivir da cerámica cando fas calquera cousiña así boa é máis complicado». Falou tamén da importancia de Galicia como rexión cunha cultura e características propias. «Galicia non é calquera cousa. Ten unha personalidade importante. Sempre temos que recuperar a nosa identidade -afirma-. Esta cultura non é exactamente igual a do resto de España».
Acompañado da súa muller, Díaz Pardo foi visitando cada unha das mesas dos alumnos do obradoiro que se atopaban traballando nas súas obras de arte. «Es un honor tener aquí a una persona de tanta relevancia» afirmou Luis Alberto García, participante do curso na presente edición.
Esta ocasión serviulle ao galeguista para reencontrase co seu compañeiro e artista invitado no curso, Arcadi Blasco, co que analizou a situación que vive o sector da cerámica na actualidade galega. A súa vez tamén tivo a oportunidade de coñecer á ceramista grega Theodora Chorafas e a Juan Granados, profesor da universidade de Belas Artes de Texas. Despois destes encontros todos os alumnos tiveron a ocasión de escoitar a historia e as impresións de Díaz Pardo no salón de actos do Pazo da Cultura.
Desenvolvemento do curso
Esta visita se enmarca dentro da terceira xornada do curso internacional de cerámica de Pontevedra. Tres días despois da inauguración da súa décima edición o curso se vestiu de Gala para recibir a este grande da cultura galega.
Este obradoiro confeccionará mañá os fornos para a cocción das pezas o próximo sábado, cando de punto e final este seminario.