O rexedor afirma que cada ano hai dúas mil altas no padrón municipal de vehículos: «Se temos a cidade para os cidadáns non a podemos ter para os coches»
11 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda que convalecente dunha enfermidade que o vai ter apartado da actividade política posiblemente ata finais de mes, Miguel Anxo Fernández Lores fixo esta semana en Radio Voz un balance do que prevé para o 2009 en Pontevedra. E non fuxiu de asuntos complicados e de actualidade, como é a situación de tráfico na cidade.
-Segue a haber problemas co tráfico. Parece que a reordenación funcionaba ao principio, pero durante o Nadal e agora, coas rebaixas, chegan moitas queixas por colapsos. En Barcelos, en Beiramar...
-Eu teño que dicir que no asunto do tráfico hai moita demagoxia. Si hai colapsos nestas datas é porque hai moitos cidadáns que veñen á cidade de Pontevedra, que é unha cidade atractiva, cun comercio excelente, e que ten un movemento impresionante de cidadáns que se acercan. Estamos desexando que a xente veña a comprar. É algo que ocorre en todas as cidades dinámicas. Si vai vostede a Vigo, ou a Santiago, ou á Coruña no Nadal, están atascadas. É un feito real que se pode comprobar.
-Pero algo se poderá facer...
-Chega un momento en que é imposible absorber o tráfico. E penso que os problemas hai que valoralos na súa xusta medida. En Pontevedra non estamos a falar por casualidade de que hai que facer novas infraestruturas. Son necesarias porque somos conscientes de que viais de circunvalación, viais perimetrais que faciliten a comunicación entre as parroquias, mellorarán a situación. Na cidade había unha serie de puntos negros que tratamos de paliar cos derradeiros cambios de circulación, que foron estudados durante moito tempo.
-Os cambios deron o resultado previsto?
-Aquí había unha petición por parte de todos os sectores sociais para facer os cambios, e todos eses sectores apoiaron as medidas que adoptou o goberno local. Os problemas que se querían resolver resolvéronse, e agora chega o momento de detectar as solución para os novos problemas que teñen xurdido. Pero o que está claro é que o problema de tráfico nas cidades é un problema xeneralizado en todo o mundo. O que hai que facer é estimular medidas alternativas, transporte público, aparcamentos disuasorios. Por certo, me gustaría preguntar aos cidadáns ónde están os aparcamentos gratuítos nas proximidade do centro na Coruña, en Vigo, en Santiago, en Vilagarcía, en Ferrol...
-Vamos, que na súa opinión sempre haberá atascos no centro da cidade.
-Que ninguén espere solucións milagreiras no asunto do tráfico. A tendencia é que cada vez haberá mais vehículos privados que necesitan onde ubicarse. Un exemplo: a poboación de Pontevedra aumenta entre 500 e 1000 persoas anualmente, pero o padrón de vehículos aumenta o dobre. Nos últimos cinco exercicios incrementamos en dous mil vehículos máis cada ano. Con eses datos hai que entender que non poden ter cabida na cidade. Unha cidade, non o olvidemos, que o centro ten 1,5 kilómetros cadrados, é dicir, que é moi cómoda para desprazarse a pe, de aí o éxito dos aparcamentos disuasorios que temos en Pontevedra.
-E o transporte público? Pode ser unha solución para unha cidade como Pontevedra?
-O transporte público é parte da solución. Pero os estudos están aí, e non hai ningunha cidade do mundo na que o transporte público asuma máis do 10 ou o 15% dos desprazamentos internos. Intentaremos mellorar o servizo do trasporte público en colaboración coa Consellería, pero que ninguén espere que cunha rede de autobuses imos acabar cos problemas de tráfico na cidade, porque en ningún lugar sucedeu iso. A xente segue a utilizar o vehículo privado nas cidades, e nós non somos distintos a ninguén. Dende o Concello de Pontevedra intentamos resolver os problemas, facer unha cidade máis atractiva e máis cómoda e agradable, pero non podemos resolver cousas que son irresolubles, non podemos facer as rúas máis anchas onde xa están feitas dende hai moitísimos anos. Este goberno local tomou hai anos a decisión de destinar aos peóns os poucos espazos públicos que temos. E unha das cousas das que máis orgulloso estou da miña xestión municipal é ter conseguido que a cidade estea viva, sexa unha vila dinámica e chea de xente. E claro, se temos a cidade para os cidadáns non a podemos ter para os coches. Aínda que dedicaramos as rúas en exclusiva para poidan circular os vehículos, non caberían.