O debuxante pontevedrés Nené Estivill faleceu en Mallorca
06 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Probablemente os nomes de Agamenón ou de La terrible Fifí, soaralles aos pontevedreses que lían os cómics da Editorial Bruguera. Pero seguro que o que non saben é que o autor destas historietas, Nené Estivill, era pontevedrés. Estivill naceu na nosa cidade en 1926 e alternou a súa paixón pola historieta coa seguridade laboral en Telefónica, profesión pola que tivo que trasladarse dende a súa Galicia natal a Palma de Mallorca no ano 1987. Comezou publicando as súas bandas deseñadas nas revistas galegas como Potosí e Camino, onde creou os seus primeiros personaxes El malvado Dr. Cianuro y su ayudante Panduro o Cañete Camarón, deportista de afición. Nos anos 50 foi fichado pola revista valenciana Jaimito, onde elaborou a serie La Bola. Pero foi cos personaxes creados para a Editorial Bruguera cos que conseguiu maior éxito popular. O primerio deles foi La terrible Fifí, publicado no semanario Pulgarcito, unha enfant terrible ataviada con vestidiños de nena repipi e dúas trenzas. Fifí era unha nena malísima, pero curiosamente as súas travesuras case nunca supuñan un castigo para ela. Foi un personaxe tan carismático que chegou a protagonizar anuncios da famosa empresa Cola Cao no ano 1962.
Pero sen lugar a dúbidas foi a aparición na revista Tio Vivo do seu personaxe Agamenón, o rapazolo máis bruto do pobo Villamulas del Monte, o que fixo que o nome de Nené Estivill sone hoxe como un dos autores da época máis respectados. Estivill foi quen de crear un estilo de debuxo diferente ao dos debuxantes de Bruguera, ademais de crear unha linguaxe moi persoal que chegou a convertirse en frase feita na rúa. Expresións inesquencibles como a repetida pola avoa do protagonista «Igualico, igualico quel defunto de su agüelico» ainda son recordadas por varias xeracións.
Nunha época na que as historietas estaban feitas dende a cidade para ser consumidas nela, Estivill foi quen de levar a España xenuinamente rural que predominaba na época a protagonizar as páxinas das revistas de cómics máis lidas do país.
O pasado día 30 de marzo o mestre Nené Estivill faleceu en Palma, pero a súa alma seguirá viva nas páxinas dos seus entrañables personaxes.