Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Soño con que sexa unha praia»

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Arturo Estévez puxo a denuncia que derivou na condena a Ence

14 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Foi o home que deu o primeiro paso para sentar por primeira e única vez a Ence no banquiño dos acusados. Do xuízo a nove responsables da pasteira (seis condeados) hai agora nove anos. Da denuncia que lle deu orixe, vinteún. Arturo Estévez deixou claro tras aquel proceso que pensaba bañarse algún día de novo en Cocheras. Hoxe mantén a mesma afirmación a case seis anos da data de caducidade de Ence na ría pontevedresa.

O 18 de maio de 1990 ocorreu, di Arturo Estévez, un escape de cloro que «queimou» os seus cultivos de patatas en Lourizán (vive en Pontemuiños, a kilómetro e medio da fábrica desde hai 29 anos). Non era a primeira denuncia que presentaba contra a pasteira, «aínda que polas outras nunca me chamaron, supoño que se arquivaron».

«Pero atopei un xuíz un pouco máis decidido e valente, e esta admitiuna a trámite -agregou-. Logo a continuou a APDR, que fixo a acusación particular». Estévez subliña que os responsables de Ence xuzgados «son delincuentes, porque foron condenados. Non son presuntos. E isto marca un feito de importancia». Nunca recibiu compensación algunha polos danos das súas fincas: «O único que recibín foron malos cheiros, ruidos, luces, contaminación aérea, acústica...».

«Un erro»

Un día despois de que Ence manifestara abertamente que non contempla outro horizonte que non sexa en Lourizán, para o que pide apoio político, este fundador da APDR (asociación na que xa non milita) mantén que ata os propios traballadores da fábrica entenden agora «que a instalación foi un erro». «As sociedades avanzan e cousas que diciamos entón as persoas que tiñamos conciencia sobre economía sostible agora as defende a Xunta -sostén-. Dicíanos que íamos contra o progreso, que eramos os do non, e agora o defende a Xunta, aínda que por un tema electoralista. Pero a natureza é a casa de todos e temos a necesidade de pervivir en armonía se é que lle queremos deixar algo aos fillos». Tamén subliña que «a APDR foi o motivo polo cal Celulosas comezou a ter medo e a poñer pequenos parches».

A contundencia do Goberno autonómico sobre o fin do prazo a Ence na ría non lle convence: «Lémbrome cando Álvarez Cascos estaba en contra da lei do divorcio e despois casouse máis veces. Non me merece fiabilidade. E creo que o Concello algunha cousa máis podía facer».

Connivencia

«A Xunta, o PP -insiste este veciño de Pontemuiños-, sempre estivo en connivencia con Celulosas. Agora anuncian o peche de Elnosa, pero é porque Europa así o demanda. Ata agora o que conseguiron é as ameixas con máis peso de Galicia polo mercurio. A Xunta, Telmo Martín e Feijoo din que Ence ten que irse, pero teñen o poder e nunca o fan. O que pasa é que agora teñen menos compromisos. O compromiso é que hai menos traballadores, e dentro hai moitos en precario. E aínda por riba, non poden especular porque agora ¿a quen lle venden os pisos?».

«Ence vai morrer de inanición -conclúe Arturo Estévez-. Hai moitos anos que fixen un escrito en que dicía que morrería cando todo o mundo estivese en contra de Celulosas. Ese día xa chegou. Xa non hai quen a defenda, nin os mesmos que a defendían, porque é tal barbarie alí que os que a defendían xa cambiaron as tornas». Estévez ten xa na súa retina o futuro tralo 2018: «Eu soño con que aquelo sexa unha praia; a ría si pode dar riqueza se levantamos aquelo».

«A Xunta non me merece fiabilidade ningunha e o Concello podía facer máis»

«Ence vai morrer de inanición, xa non hai quen a defenda porque é unha barbarie»