A Federación de Libreiros de Galicia acordou concederlle ao libreiro compostelán Xesús Couceiro a medalla de ouro do seu 30 aniversario, en recoñecemento da súa reputación como libreiro e por ser fundador do gremio, «do que é un referente», segundo dixo o presidente dos libreiros de Galicia, Xaime Corral, ao facer pública a decisión desta distinción ao propietario da Libraría Couceiro, que dende o pasado verán trasladou as súas instalacións a un edificio na Praza de Cervantes.
A entrega da medalla a Xesús Couceiro terá lugar este domingo no transcurso dun acto que se vai celebrar ás 13.00 horas no hotel Monumento San Francisco para conmemorar as tres décadas de existencia da Federación de Libreiros de Galicia, que foi a primeira agrupación de carácter autonómico que se constituíu trala morte do ditador Franco, en 1977. Hoxe conta con 300 asociados. O compostelán Xesús Couceiro foi un dos seus fundadores e o animador e impulsor das iniciativas sobre o libro galego e a lectura que se desenvolveron en Galicia a traveso da Federación e, sobre todo, a título persoal.
Couceiro abriu a súa primeira librería en 1969 na rúa de San Pedro, nun local no que están as orixes dunha traxectoria chea de compromiso, esforzo e constante superación e empeño cultural e empresarial arredor do libro galego. No ano 75 trasladou a librería ao Ensanche, en república do Salvador, onde estivo ate que o traslado ao edificio de Cervantes, resistindo un tempo intermedio no outro local que rexentaba na rúa do Hórreo. Nesta nova andadura conta cos seus fillos, Pablo e María, á fronte da empresa cultural.
O presidente e o secretario da Federación de Libreiros, Xaime Corral e Xurxo Patiño, salientaron na presentación do 30 aniversario que os libreiros «estamos de festa por ter logrado permanecer cohesionados», algo que a xuízo de Patiño «é complicado nun sector que reúne a personalidades variopintas». Defendeu o papel de «mediador cultural» dos libreiros e rexeitou que o libro dixital poda substituír ao impreso, aínda que non dubida que haberá «un espazo dixital» como posible vía de futuro para as letras «que non sei por onde irá».