O Museo do Pobo Galego suma dende onte aos seus contidos de historia e antropoloxía social o máis representativo do mundo da imprenta e da historia letrada en Galicia, que ten as súas orixes en Monterrei, onde Juan de Porres e Rodríguez estampou no en 1491, no primeiro taller estable que houbo, o Missale Auriense. Pero a imprenta achegou a Galicia en 1480 con moldeiros itinerantes, que traballaban para os cabidos das catedrais.
A nova sala, denominada Da imprenta. Dos impresores e encadernadores. Do libro e da prensa , foi inaugurada polo presidente do Padroado do Museo do Pobo, Isaac Díaz Pardo, e o director xeral de Turismo da Xunta, Rubén Lois, porque está patrocinada pola S. A. do Xacobeo. As dependencias están na planta baixa da ala sur do antigo convento de Bonaval, que foron restauradas para este uso.
Nas salas, porque en realidade son varios espazos comunicados, faise un repaso histórico polo mundo da imprenta, así como das principais familias de impresores e encadernadores, colofón do proceso do libro ate a chegada dos modernos sistemas, representados en menor medida ate a informatización, coa disposición dun ordenador no que os visitantes poderán recadar información sobre publicidade, cartelismo e outros contidos actuais aínda en construción.
Ademais de ofrecer maquinaria de antigas imprentas, un taller de encadernación e pranchas de ornamentación de libros procedentes de doazóns ou mercadas polo museo, esta ampla sala reúne exemplos da primeira produción literaria, que arranca no Rexurdimento e coa publicación en 1863 de Cantares gallegos , de Rosalía de Castro, a primeira obra monolingüe e transcendental para a recuperación do galego como lingua culta e de creación.
A produción literaria está representada segundo unha clasificación por etapas e cronolóxica. Inclúe o cartelismo e portadas dos xornais, porque os exemplares completos dos fondos non se expoñen por razóns de conservación.