Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«A obesidade causa 30.000 mortes prematuras ao ano no noso país»

José Xavier Bom

SANTIAGO

Utiliza unha nova tecnoloxía, a proteómica, para buscar vías que permitan tratar o peso excesivo, que é un problema para o 40% dos adultos e o 13% dos nenos

09 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Conseguiu recentemente unha axuda Merck Serono de investigación a través da Fundación Salud 2000, para desenvolver no Laboratorio de Endocrinoloxía Molecular da Facultade de Medicina da USC traballos sobre novas vías para o tratamento da obesidade. Bióloga, fixo o doutoramento no Departamento de Fisioloxía de Santiago, e pasou despois tres anos en Oxford, para se especializar na tecnoloxía proteómica, que agora aplica. Participa no Centro de Investigación Biomédica en Rede de Fisioloxía da Obesidade e a Nutrición (CiberObn) que dirixe o profesor Felipe Casanueva.

-¿En que consiste a nova metodoloxía que utiliza para investigar a obesidade?

-O traballo para o que foi concedida esa axuda vai ser realizado por min e por Arturo Roca Rivada, a quen lle oriento a Tese de Doutoramento, en colaboración con outros investigadores do Laboratorio. Utilizamos unha tecnoloxía nova, a proteómica, para buscar biomarcadores ou factores que indican o estado das doenzas, neste caso problemas endócrinos.

-¿En que consiste a proteómica?

-Así como a xenómica estuda os xenes, a proteómica investiga as proteínas presentes nas células, tecidos ou fluídos biolóxicos. Coa axuda desta tecnoloxía tentamos identificar novos sinais relacionados co tecido adiposo, muscular e outros. A nosa hipótese é que alteración destes sinais nos trastornos alimentarios como a obesidade ou a anorexia é responsable da desregulación enerxética propia destas doenzas. Confiamos en poder identificar novas dianas terapéuticas para a obesidade cos resultados dos nosos estudos e así poder mellorar o seu tratamento.

-¿Cal é a maior novidade do estudo?

-Sabemos que diferentes órganos e tecidos como o estómago e o tecido graxo mandan sinais do estado enerxético do noso corpo ao cerebro, o cal actúa en consecuencia estimulando ou inhibindo o apetito. Nós con esa nova perspectiva, estudamos sinais liberados por sistemas endócrinos non clásicos, como é o tecido muscular.

-¿Por que se dedican tantos esforzos nos últimos anos para investigar sobre a obesidade?

-Porque é un gran problema de saúde na nosa sociedade, causando 30.000 mortes prematuras ao ano no noso país. O exceso de peso está directamente relacionado con problemas cardiovasculares e coa diabetes, mesmo con certos tipos de cancros. E insisto no do cáncer, porque moita xente non relaciona a obesidade co mesmo, e hai investigacións que evidencias que si existe. No noso país, un 40% das persoas teñen sobrepeso e un 16% das persoas adultas son obesas. Aínda que o máis preocupante é que un 13% da poboación infantil está clasificada tamén como obesa, e as cifras aumentan os últimos anos de maneira moi preocupante.

-¿E como explica iso?

-Polo abandono dos alimentos tradicionais e a substitución por outros industrializados, así como o sedentarismo. Iso ten relación directa, por exemplo, con que moitos nenos desenvolvan problemas de saúde que eran habituais en adultos, como a diabetes.

-¿Como contribuirá esta investigación para os novos tratamentos da obesidade?

-Os tratamentos farmacolóxicos existentes son limitados e pouco efectivos. No noso traballo tratamos de entender as proteínas, os sinais que se están liberando, estudamos as bases moleculares da obesidade e da anorexia. O Laboratorio de Endocrinoloxía Molecular que dirixe o doutor Felipe Casanueva ten experiencia de 20 anos de traballo sobre obesidade e outras patoloxías endócrinas, hai unha base de partida moi importante.

-¿Como realizan a investigación?

-Centramos os estudos primeiramente nun modelo animal, con ratas anoréxicas e ratas obesas, onde tentamos establecer os marcadores que andamos a procurar. Despois estudamos as posibilidades de aplicación dos coñecementos en persoas.

O CiberObn con sede no Clínico de Santiago, onde colabora esta xoven investigadora, é un centro de referencia estatal para o estudo destes problemas de saúde, e coordina os esforzos de máis de 300 investigadores integrados en 26 grupos de de oito comunidades autónomas. En novembro presentaron e discutiron as súas liñas de traballo nun encontro que se celebrou na cidade.