Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

30 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Están de moda os quirófanos para arrancar cicatrices. Este outono, especialmente. Cambian pómulos, glúteos, senos. Colocan protuberancias nas planicies, rebaixan cumes, acicalan mandíbulas. Hai seres que buscan un lugar que arranque as cicatrices da alma. Pero non se anuncian nas páxinas dos diarios. Ninguén fala, nos cócteles e saraos, dun médico que implante a alegría nos adentros. Non importa o prezo. Eses seres en derrota, os que levan feridas na alma, pagarían para non cargar mil cicatrices. Pagarían por esquecer. É curioso o esquecemento. É canalla. Aparece coas cousas que non queres esquecer e fracasa co inesquecible. Se nos poñemos a contar o campo semántico do inesquecible encontraremos demasiados disparos. Quero dicir que as derrotas son máis difíciles de esquecer que as felicidades. Que permanecen, como lágrimas que non podes limpar. De todas as derrotas, as máis inesquecibles son as que teñen que ver coa traizón, a deslealdade, a mentira traidora. Hai outro tipo de mentiras, certamente, que non fan dano: os novelistas pasan a vida inventando mentiras. Pero hai outras que afunden o teu barco a mil quilómetros da praia, e non sabes nadar. E non hai bote salvavidas. E cando escoitas a voz do capitán gritando «sálvese quen poida», sabes que ti non vas a poder. Alí quedas, no barco fundido, preguntándote por que a mentira traidora. Por que pensabas que o amor é algo eterno. Por que rompe o que parece irrompible. Por que non podes abrazar os abrazos que marcaron a túa vida, tan inesquecibles como as derrotas. Pérdeste en preguntas que non sabes contestar. E xa non es a mesma persoa. A partir de agora, afirmas, cando escoites «sálvese quen poida», ti serás o primeiro en saltar do barco. E cando volvas á túa vida normal, en desamor, buscarás un quirófano para transplantar a tristeza. Para esquecer. Para arrancar da túa alma cicatrices. Unha. Ou mil.