Afirma que a fotografía, a pintura, a escultura ou o gravado indican «o que hai detrás da profesión»
12 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A exposición Médicos artistas plásticos no Camiño de Santiago mostra fotografías de Lourdes Maceiras, e outros traballos de José Luís Bueno, Victoria Castro, Díaz Pedreira, Generosa Franco, X. García Albeos, Ignacio Granero, Cesáreo Hernández, Mercedes Hernández, Mario Hortas, Iglesias Diz, Miguel Á. Mantilla, Xoán Piñón, Manuel Robles, Rodríguez Costa, Xesús Vázquez, Fidel Vidal, Vieito Fuentes e Roberto Vila.
-¿Como se organizou esta exposición de médicos?
-Foi idea de Mario Hortas e García Albeos, profesionais de Vigo, que hai dous anos comezaron a elaborar unha base de datos de médicos artistas plásticos galegos. Decidimos facer esta primeira exposición, co tema do Camiño, e talvez reincidamos no 2010, ao ser ano santo.
-¿E hai moitos médicos artistas?
-Na base de datos están uns 50, aínda que nesta exposición participamos 19.
-¿Xa se coñecían?
-A maioría non nos coñecíamos nen nos tratábamos.
-¿E como está a resultar a experiencia?
-O certo é que chamou a atención de críticos e de moito público, que non contaban con que hai médicos artistas que teñen moita calidade. Algúns, a maiores de Medicina estudaron Belas Artes, teñen formación específica, e iso fai que a calidade non sexa casual. Xoán Piñón, por exemplo, é máis coñecido en certos ámbitos como fotógrafo que non como médico.
-Tamén os seus traballos son de fotografía...
-Tamén; no meu caso é ao contrario: pouca xente coñece que fixen moita fotografía de natureza nas décadas de 80 e 90.
-¿Que obra expoñen?
-Hai un de gravado, 2 de fotografía, 3 de escultura, e os 13 restantes pintores.
-¿Que historia ten esta exposición?
-Comezou en Palas de Rei, porque o alcalde é médico, coordina os concellos do Camiño, e tamén porque se implicou moito. Despois estivo en Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Melide, Arzúa e O Pino. En Compostela comezou o 17 de xaneiro e finaliza este sábado, na sala da rúa Carreira do Conde.
-¿Venden os produtos expostos?
-Non, non se venden. Estas manifestacións artísticas son unha maneira de dar a coñecer o que hai detrás da profesión. A experiencia da relación neste grupo, por esta actividade que é máis ben de ocio para a maioría, está a resultar moi positiva.
-¿Tivo moito público?
-Si, tanto aquí como nos outros lugares. En Samos estivo no mosteiro, nun claustro impresionante, mesmo coincidiu coa xuntanza de priores de toda Europa. Está a resultar moi ben.